- Os deseños deben incluír un debuxo e un lema en galego, ambos a prol da igualdade de xénero
- Outorgaranse dous premios e o marcapáxinas gañador será editado e distribuído nos centros educativos e bibliotecas
Valga, 29 de abril de 2024.
O Concello, a través do Servizo municipal de Normalización Lingüística, convoca a primeira edición do Concurso “Marcapáxinas pola Igualdade”, dirixido a alumnado de Educación Primaria dos colexios Xesús Ferro Couselo e Baño-Xanza.
Esta iniciativa pretende fomentar o uso do galego no ámbito educativo, promover a lectura, escritura e comprensión da nosa lingua, pero tamén sensibilizar en igualdade e incentivar a creatividade entre os mozos.
A participación será individual e empregando un pseudónimo. Só se poderá presentar un marcapáxinas por concursante, en soporte cartolina ou papel fotográfico e o seu deseño deberá incluír unha mensaxe en galego e un debuxo, ambos relacionados coa igualdade. As dimensións serán de 20 centímetros de alto e 7 de ancho.
A técnica a empregar é libre. Na cara A do marcapáxinas irán o debuxo e o lema pola igualdade, e na cara B o pseudónimo do autor.
A entrega das obras farase en formato físico nos centros educativos. Xunto co marcapáxinas deberá cubrirse unha ficha de inscrición e entregar un sobre pechado no que figure, por fóra, o pseudónimo do participante e, dentro os seus datos persoais (nome e apelidos), así coma o curso e o centro ao que pertence. O prazo límite é o día 3 de xuño.
O xurado valorará a orixinalidade, a imaxinación e a creatividade. O tribunal estará formado polo concelleiro de Cultura e por técnicos das áreas municipais de Normalización Lingüística, Bibliotecas e Cultura.
Outorgaranse dous premios. O gañador recibirá un agasallo e o seu marcapáxinas será editado e distribuído nos centros educativos de Valga, bibliotecas, entre outros espazos. O segundo clasificado recibirá tamén un agasallo.