- A mestra composteira, Silvia Torres, relatoulles a historia con bonecos feitos polos usuarios do CODI
- Explicoulles como axudar a coidar o planeta reciclando os residuos orgánicos, que representan o 40% do lixo que se xera nos fogares
Valga, 24 de abril de 2024.
O Concello continúa promovendo actividades formativas sobre a separación de residuos dirixidas aos máis cativos. Onte un grupo de alumnos de Primaria do colexio Baño-Xanza visitou o Punto Limpo e hoxe os nenos de Infantil recibiron á mestra composteira, Silvia Torres, que lles explicou, dun xeito lúdico, en que consiste a compostaxe.
Os rapaces escoitaron a historia do superheroe “Dhor, o Compostador”, que Silvia lles contou axudándose con bonecos de tea feitos polos usuarios do CODI e que representan a algunhas das personaxes do conto: Vera, a pera; plátano Canario; Tina, a mandarina; Chao, a espiña do pescado; ou Enriqueta, a servilleta, entre outros.
Os alumnos descubriron o superpoder que ten Dhor: transformar os restos orgánicos, como a monda das froitas, os trozos de bocata ou os panos con mocos, en abono con vitaminas que axudan a que medren as plantas. Para isto conta con algúns axudantes coma o bicho bola, a lombriga, fungos e bacterias.
A misión e Dhor é axudar a coidar o planeta e que non se encha de basura, pero para iso todos debemos contribuír, xa que arredor do 40% dos residuos que se xeran nos fogares son biorresiduos que poden aproveitarse para crear compost, evitando así que se acumulen en vertedoiros.
A mestra composteira recordoulles aos cativos como se realiza este proceso case máxico: introducindo os biorresiduos no composteiro e cubríndoos despois con cachiños de madeira ou follas secas que forman material estruturante. Os alumnos do colexio de Baño xa o coñecen ben posto que teñen no centro un composteiro comunitario no que botan os restos das merendas e as sobras do comedor e, despois, empregan o abono orgánico para fertilizar as plantas e árbores que hai nas zonas verdes do recinto escolar.