Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Fiscalía tamen propuxera hai unhas semanas o peche das actuacións

- O goberno reitera que as comisións de coordinación contan dende sempre con informes favorables de Secretaría e Intervención

 

Valga, 6 de maio de 2018.

A maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Caldas de Reis decretou o arquivo da denuncia presentada polos socialistas de Valga contra o equipo de goberno. A Fiscalía tamén propuxo hai unhas semanas o peche das actuacións.

"O PSOE de Valga o único que está a facer dende o comezo da lexislatura é xudicializar a actividade do Concello en lugar de traballar para mellorar o pobo e a calidade de vida dos seus veciños. Temos claro que van a continuar nesa liña porque o único que pretendían con esta denuncia era conseguir unha fotografía deste goberno indo a declarar aos xulgados. Só con iso éralles suficiente".

O goberno municipal sempre se mantivo en silencio ante as continuas descalificacións dos socialistas e amosou respecto máximo polas decisións xudiciais. Por iso lles pide agora aos concelleiros do PSOE que repecten e asuman a decisión da xustiza de arquivar a súa denuncia, que recoñezan que as comisións de coordinación foron sempre legais e que a súa constitución non supuxo ningunha irregularidade. "O colmo é que un dos concelleiros do PSOE denunciantes votou, no seu día, a favor da creación das comisións de coordinación".

Neste sentido, o alcalde e os concelleiros do equipo de goberno lembran que dende o ano 1991 as comisións de coordinación contaron cos informes favorables de Secretaría e Intervención. "Este goberno pode presumir de non ter un só reparo a ningún expediente durante estes 27 anos. En todo este tempo pasaron por estes departamentos sete profesionais: cinco secretarios e interventores con habilitación nacional e dous secretarios nomeados pola Xunta de Galicia e licenciados en Dereito. Ademais dos actuais secretario e interventor, tamén habilitados nacionais e de superior categoría á que lle corresponde a un Concello coma Valga. A todos estes profesionais, que sempre informaron favorablemente as comisións de coordinación, descalifícanos unha e outra vez os socialistas de Valga insinuando e incluso denunciando falsas irregularidades".

O equipo de goberno volve a reiterar que "todo o que se fixo e se fai no Concello está dentro da legalidade" e entende que as comisións de coordinación son un órgano importante para a boa organización e funcionamento do Concello e para seguir mellorando Valga e a calidade de vida dos nosos veciños, para seguir defendendo os intereses dos valgueses ante outras institucións e sempre por enriba dos intereses políticos". Engaden os edís do goberno que "non poden dicir o mesmo os socialistas, que se alegran cando unha resolución deixa sen financiación ao CODI, que aplauden á Deputación cando lle nega a Valga a subvención para o Edificio Administrativo, que obstaculizan a concesión de axudas por parte da Deputación de Pontevedra. Só lles interesa enturbiar, embarrar e insinuar que cobramos ilegamente as comisións de coordinación para que a xente pense que nos moven os cartos. Con esta política rastreira intentan confundir e enganar aos veciños, aproveitando as redes sociais e os medios de comunicación para espallar dúbidas sobre a honorabilidade do equipo de goberno e dos funcionarios municipais".

Para o grupo de goberno que encabeza José María Bello Maneiro "temos demostrado suficientemente con feitos que non nos moven os cartos, senón que nos move a defensa dos intereses de Valga e dos valgueses.

 

Volver