- A viaxe, organizada polo Concello, incluíu unha ruta de sendeirismo de doce quilómetros en un paseo fluvial polo río
- Os excursionistas achegáronse a diferentes miradoiros para contemplar fermosas panorámicas da zona
Valga, 22 de abril de 2024.
Cincuenta veciños de Valga participaron esta fin de semana nunha viaxe á Ribeira Sacra, organizada polo Concello e que incluíu unha ruta de sendeirismo pasando por algúns dos miradoiros máis coñecidos da marxe ourensá do Sil e un percorrido en catamarán polo río.
Os excursionistas, entre os que se atopaba o alcalde, José María Bello Maneiro, partiron dende a Mina Mercedes ás sete da mañá nun autobús que foi financiado polo Concello. Unha vez na Ribeira Sacra, arredor das dez e media, iniciaron a ruta a pé, duns doce quilómetros de lonxitude e guiada por Roi Barcala, de Rutea Travel. Partiron do Mirador da Columna, no municipio de Parada de Sil, dende onte xa puideron contemplar unha fermosa panorámica.
Dende alí avanzaron por un antigo Camiño Real e adentráronse un frondoso bosque que os levou ata a pequena aldea de Vilouxe, xa no concello de Nogueira de Ramuín, para visitar o que está considerado como un dos miradoiros máis bonitos da zona, cunha ampla vista das paredes máis abruptas do canón do Sil. A segunda parte da ruta discorreu polos lugares de Cerreda e Alberguería, onde a expedición fixo unha parada no terceiro miradoiro do día: Pé do Home, cunha perspectiva diferente do val.
Os sendeiristas xantaron durante a ruta e, unha vez rematada a camiñada, foron recollidos de novo polo autobús para trasladalos ata o embarcadoiro de Santo Estevo, onde subiron ao catamarán para o paseo fluvial polo Sil. Durante a navegación, ademais de gozar da paisaxe, coñeceron a historia da viticultura heroica.