- Na visita tamén participaron a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e técnicos da Deputación
- As dúas administracións consensuarán unha folla de ruta para abordar as necesidades máis urxentes
Valga, 2 de febreiro de 2024.
A deputada provincial de Infraestruturas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, realizou esta mañá unha visita a Valga para facer un repaso á situación de diferentes infraestruturas de competencia da Deputación no noso concello.
O percorrido, no que tamén participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, centrouse especialmente nas estradas provinciais que discorren polas distintas parroquias valguesas.
Son un total de seis as estradas de titularidade da Deputación: a EP-8501 Valga-Os Martores, a EP-8502 Baño-Valga, a EP-8503 Cordeiro Senín, a EP-8504 O Forno-As Cernadas, a EP-8505 Ferreirós-Vilar e a EP-8506 entre Baño e a PO-548. Os representantes de ambas administracións, acompañados por técnicos provinciais, fixeron un repaso á situación na que se atopan estas vías e analizaron as necesidades que é preciso abordar coa maior rapidez.
O obxectivo é trazar unha folla de ruta consensuada entre ambas administracións para resolver as diferentes problemáticas detectadas e continuar, así, mellorando a seguridade viaria, tanto referida á circulación de vehículos coma ao tránsito de peóns. Entre as prioridades que apuntaron a deputada e o alcalde atópanse a mellora da contorna da Casa da Cultura, especialmente as beirarrúas, así coma a humanización do tramo da EP-8502 entre Pontevalga e os centros educativos de Baño.