- Bello Maneiro recibiu aos peregrinos ao comezo do tramo valgués da ruta xacobea e camiñou con eles ata Pontecesures
- O colectivo festexa así os 25 anos dende o Xacobeo 93, que marcou o rexurdimento do Camiño Portugués
Valga, 5 de maio de 2018.
O alcalde acompañou esta tarde a unha trintena de integrantes da asociación de Amigos do Camiño Portugués no percorrido do tramo valgués da ruta xacobea.
O colectivo que preside Tino Lores está a conmemorar o 25 aniversario do rexurdimento do Camiño Portugués e do Xacobeo 93, un fito que marcou o despegue desta ruta de peregrinación a Santiago que o ano pasado percorreron case 60.000 persoas.
Dentro destes actos conmemorativos, os Amigos do Camiño Portugués están a realizar unha peregrinación en grupo que esta tarde pasou por Valga.
José María Bello Maneiro recibiu aos peregrinos no inicio do tramo valgués, onde lle colocaron a tradicional cuncha de vieira e lle cederon un bastón. Acompañounos durante todo o tramo, un dos máis fermosos de toda a ruta, ata o límite co municipio de Pontecesures, onde lle fixo o traspaso da cuncha e do bastón ao alcalde veciño, Juan Manuel Vidal. Ademais, voluntarios da agrupación de Protección Civil sellaron a credencial a todos os peregrinos.
Hai unhas semanas o alcalde participou tamén noutro festexo da Asociación de Amigos do Camiño Portugués que tivo lugar en Pontevedra. Bello Maneiro interveu no acto en representación de todos os concellos galegos polos que discorre esta ruta xacobea, ao ser o único que viviu como alcalde este cuarto de século de recuperación e esplendor.
Destacou que o Camiño Portugués é hoxe un elemento dinamizador para as vilas polas que discorre, é un recurso cultural, económico e turístico de primeira orde que sitúa a no mapa a concellos como Valga a nivel internacional.