Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Bello Maneiro e os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo agasallárona cunha placa conmemorativa e un ramo de rosas

- É a sexta veciña de Valga que supera o século de vida, todas elas mulleres

100MaríaNeira1

Valga, 15 de abril de 2024.

María Neira Barreiro, veciña de Louro (Setecoros) celebra hoxe un aniversario moi especial, o número 100, motivo polo que esta mañá recibiu a visita do alcalde, José María Bello Maneiro, para felicitala en nome de todos os valgueses. O rexedor acudiu ao seu domicilio acompañado polos concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo, e agasallou á nova centenaria cunha placa conmemorativa que tiña gravada a lenda: “O Concello de Valga a María Neira Barreiro no día que cumpre os 100 anos”. Como é habitual cada vez que un veciño chega ao século de vida, tamén lle regalaron un ramo de flores e unha torta na que apagar as candeas.

Maruja, á que Bello Maneiro se referiu como “un exemplo de forza e valentía”, naceu en Louro e sempre traballou no campo, na casa e criando aos sete fillos que tivo. Tamén ten 14 netos e outros tantos bisnetos. Esta muller chea de enerxía sempre foi feliz traballando, explican os seus achegados. Coidar dos animais, facer as tarefas do fogar e do campo, dobrar trapos... gustáballe estar activa e, moitas veces, aínda di: “Quen me dera poder ir ao toxo”.

Agora o que prefire é a tranquilidade. “Agracede moito as visitas”, pero sen aglomeracións nin ruído, por iso a celebración do seu centenario vai a ser sinxela e acompañada polos máis achegados.

María Neira é a sexta muller máis lonxeva de Valga, despois de María Tarrío, de Eiras (101 anos); Manuela Duro, de Casal de Eirigo; Concepción Jamardo, do Sixto; Dolores Benilde Castaño; de Laxes e Manuela Eiras, de Ferreirós, as catro con 100 anos.

100MaríaNeira2 100MaríaNeira3

Volver