Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O documento recolle unha bonificación do 10% no prezo para os veciños de Valga

- Tamén foi ratificada a relación de terreos afectados pola supresión de pasos a nivel e solicitouse á Xunta a urxente ocupación para iniciar as obras

PlenoAbril24 1

Valga, 12 de abril de 2024.

O Pleno da Corporación aprobou onte a memoria técnica para a creación en Valga dun Centro Superior de Arte Dramática que complementaría as ensinanzas musicais e de artes escénicas que xa se ofrecen no Auditorio a través do Centro Superior de Música. Este documento saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno, en contra do BNG e a abstención do PSOE. Será exposto ao público durante un mes e, despois, pasará de novo polo Pleno para resolver as alegacións que poidan presentarse.

O Centro Superior de Arte Dramática de Galicia (CSAG) xorde como unha alternativa de ensinanza teatral, musical e de artes escénicas e ofrecerá unha formación “directa e personalizada que sirva de orientación académica e de inspiración para os futuros profesionais”, recolle a memoria. Ademais, facilitará aos estudantes a posibilidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos, promovendo proxectos interpretativos e creativos en ámbitos coma o teatro, musicais, ópera, cine, recitais, concertos...

O alcalde, José María Bello Maneiro, sinalou durante o Pleno que “o investimento que se fixo no seu día no Auditorio e a previsión coa que se traballou están dando froitos. Fixéronse unhas instalacións de nivel pensando na posibilidade futura de que puideran albergar un centro destas características. Xa está funcionando o Centro Superior de Música, do que nos sentimos moi orgullosos xa que pon o nome de Valga ao lado das grandes cidades de Galicia e do mundo e conta con alumnos de distintas nacionalidades que consumen en Valga e algúns viven aquí”. O Centro Superior de Arte Dramática vai nesta mesma liña, engadiu o rexedor, que explicou que na memoria técnica recóllese unha bonificación do 10% no prezo para persoas empadroadas no concello, cunha antigüidade mínima dun ano.

Na sesión ordinaria tratáronse as alegacións presentadas ás expropiacións de terreos para a supresión de dous pasos a nivel na vía do ferrocarril ao seu paso pola parroquia de Cordeiro. Cos votos favorables do grupo de goberno e as abstencións de PSOE e BNG foron desestimadas as alegacións e quedou aprobada a relación definitiva dos bens afectados por este proxecto, que inclúe a construción dun paso superior e a continuación das estradas paralelas á vía. As obras xa foron adxudicadas polo ADIF por preto de catro millóns de euros.

Por último, foi rexeitada unha moción de urxencia presentada polo BNG relativa á construción dunha factoría de pasta de celulosa en Palas de Reis. Os acordos que se propoñían era: manifestar o rexeitamento do Pleno ao proxecto, que o goberno municipal elaborara e presentara alegacións e promovera alegacións veciñais.

O alcalde explicou no Pleno que o Concello carece de persoal e medios técnicos que poidan avaliar un proxecto destas características e realizar alegacións. Por iso solicitou aos edís do BNG que retirasen os puntos referidos a elas para que a moción saíra aprobada. Ao non aceptar os cambios, o goberno local votou en contra, mentres que BNG e PSOE fixérono a favor.

Bello Maneiro sinalou o que o goberno local estará atento á evolución deste proxecto e ás posibles afeccións que poida ter para Valga. “Por encima de todo están os veciños e defenderemos os seus intereses se vemos que en algo se poden ver afectados”, dixo.

PlenoAbril24 2

Volver