Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Silvia Torres, Francisco Jamardo e Santiago Chenlo foron os representantes de Valga no evento

- Tratáronse temas relacionados coa xestión de residuos, o abastecemento de augas ou o aforro enerxético

Concellos2030

Valga, 12 de abril de 2024.

Técnicos municipais asistiron onte e hoxe en Silleda ao Congreso Concellos 20-30, unha cita na que representantes de entidades locais e outras administracións de Galicia e empresas dedicadas á xestión de recursos abordaron cuestións coma o ciclo da auga, o aforro enerxético, a xestión dos residuos e a mobilidade urbana, considerados algúns dos piares básicos para avanzar cara uns concellos máis sostibles.

En representación do Concello de Valga asistiron Francisco Jamardo, da Oficina Técnica; Silvia Torres, mestra composteira e responsable do departamento de residuos; e Santiago Chenlo, que participaron en diferentes conferencias nas que se expuxeron algúns dos proxectos máis exitosos desenvolvidos en municipios galegos e relacionados coas citadas áreas.

O congreso arrancou o xoves cunha xornada dedicada á xestión de residuos que se encargou de abrir a sudirectora xeral de Residuos da Xunta de Galicia, Paula Uría, cun relatorio sobre “A estratexia galega de biorresiduos”. Outras conferencias trataron sobre ordenanzas medioambientais e a introdución de novas tecnoloxías nos sistemas de recollida de lixo.

Hoxe continuaron as exposicións sobre enerxía, abordando o emprego de renovables e a implementación de sistemas de eficiencia enerxética. Outra parte da mañá centrouse na mobilidade do século XXI, con charlas e presentación de proxectos relacionados co fomento do uso da bicicleta ou a creación de áreas de servizos para autocaravanas. Por último, tratouse o ciclo integral da auga e os retos de abastecemento aos que se enfrontan os concellos.

Volver