- A festa en homenaxe á poboación máis veterana do concello celebrarase o 19 do vindeiro mes no colexio Ferro Couselo
- Haberá autobuses gratuítos, concerto da Banda Municipal, xantar e moitos agasallos
Valga, 11 de abril de 2024.
O Encontro da Terceira Idade celebra o vindeiro 19 de maio unha nova edición, a número vinte e seis, como homenaxe á poboación máis veterana do concello, que poderá participar nunha xornada de confraternidade con diversas actividades lúdicas.
Poden participar os veciños que teñan cumpridos 65 anos ou que os cumpran durante este ano 2024. Nestes días estáselles a informar por carta sobre os detalles do festexo, que nesta ocasión cambia de emprazamento e trasládase ao recinto do colexio Xesús Ferro Couselo. Para asistir haberá autobuses gratuítos, con parada nos lugares habituais.
As inscricións poden realizarse presencialmente no Concello, a través dos números de teléfono 986 55 94 56 (Concello) e 986 55 67 69 (Auditorio) ou enviando un correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O prazo para anotarse estará aberto ata o día 3 de maio.
O programa de actividades previsto para ese domingo dará comezo ás 13:00 horas coa actuación da Banda de Música Municipal de Valga e, a continuación, terá lugar un xantar popular. No transcurso da xornada haberá sorteo de agasallos doados por casas comerciais e entidades de Valga e da contorna e tamén se entregará un recoñecemento ao home e a muller de maior idade que participen no encontro, así coma aos asistentes que estean de aniversario.
A xornada festiva pecharase cun baile.