- Establécense dúas categorías con premios entre 80 e 30 euros
- As obras poden presentarse ata o día 10 de maio no rexistro de entrada do Concello
Valga, 9 de abril de 2024.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello organiza a primeira edición do Concurso de Microrrelatos como parte da programación conmemorativa do Día das Letras Galegas, que se celebra o vindeiro 17 de maio e que homenaxea este ano á poeta e ensaísta coruñesa Luisa Villalta.
Este certame, dirixido a estudantes de Educación Secundaria matriculados no IES de Valga, ten como obxectivo promover o uso da lingua galega no ámbito educativo, en concreto fomentar a lectura e a expresión e comprensión escrita da nosa lingua.
A participación no concurso será individual e só se poderá presentar un microrrelato por persoa. Establécense dúas categorías. A categoría A diríxese a alumnado de 1º e 2º da ESO. Os microrrelatos estarán redactados integramente en galego, cunha extensión mínima de 250 palabras e máxima de 350. A temática será libre, pero tendo como protagonista a algún personaxe das obras dalgún dos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas dende a súa instauración. Outorgaranse dous premios de 60 e 30 euros, respectivamente.
Na categoría B poden participar estudantes de 3º e 4º da ESO. Os relatos terá unha extensión entre 350 e 500 palabras e, aínda sendo o tema libre, o protagonista debe ser algún personaxe da mitoloxía galega. Os autores das dúas mellores obras recibirán 80 e 40 euros.
O xurado valorará a orixinalidade, a creatividade, a imaxinación e a calidade literaria.
Os microrrelatos presentaranse, baixo pseudónimo, no rexistro de entrada do Concello ata o día 10 de maio. Presentarase a solicitude de participación debidamente cuberta e a seguinte documentación:
- Sobre A: folla co microrrelato asinado con pseudónimo
- Sobre B: datos persoais do autor (nome completo, DNI, curso, enderezo, teléfono e correo electrónico). Ademais, o DNI dun dos pais ou titores.
Ademais do formato escrito, terá puntuación extra a presentación do microrrelato en formato oral, xa que se valorará a súa interpretación. Ten que enviarse nun audio de Whatsapp ao número de teléfono 621 684 118, indicando o pseudónimo do autor.
Os premios entregaranse no IES de Valga durante os actos da Carreira pola Lingua.