- Este servizo é gratuíto para os veciños empadroados en Valga
- Os horarios de apertura son os luns de 8:00 a 15:00 e os xoves de 14:00 a 21:00
Valga, 4 de abril de 2024.
Onte cumpriuse un ano dende a reapertura do Punto Limpo e, neste período, as instalacións recibiron un total de 357,81 toneladas de residuos, garantindo o seu tratamento por parte de xestores autorizados e posibilitando a súa reciclaxe e reutilización. Deste xeito, ademais dos beneficios medioambientais, cúmprese tamén cos preceptos recollidos na nova lei de residuos.
Nos últimos doce meses o Punto Limpo de Valga, situado no lugar de Coto (Campaña) e xestionado directamente polo Concello, recibiu 575 entradas de 348 persoas diferentes das que 322 (o 92’5%) foron veciños de Valga. Entre as cinco parroquias, as que máis aportación fixeron foron Cordeiro e Campaña, as máis próximas ao recinto, seguidas –nesta orde–, por Valga, Xanza e Setecoros.
En canto á tipoloxía de residuos, os máis recollidos foron:
- 260’4 toneladas de escombro, das que 114 foron depositadas por veciños de Valga. O resto corresponden a obras municipais e a residentes noutros concellos.
- 45’02 toneladas de madeira
- 14’11 toneladas de metáis
- 10’02 toneladas de sofás e colchóns
- 9’67 toneladas de grandes electrodomésticos: neveiras e conxeladores principalmente, pero tamén lavadoras, lavalouzas, fornos, vitrocerámicas…
- 7’48 toneladas de plásticos furos (xoguetes, cadeiras e mesas de bar…)
- 4’94 toneladas de pantallas e televisores
- 1’17 toneladas de aceite de motor
- 0’73 toneladas de pilas
- 0’30 toneladas de termos e depósitos de auga
- 0’28 toneladas de fluorescentes de luces LED
O bo funcionamento das instalacións durante o último ano tivo, ademais, repercusión noutros servizos municipais coma a recollida domiciliaria de voluminosos, pasando de superar as 400 recollidas anuais (444 contabilizáronse no ano 2021 e 415 en 2022) e realizar só 348 en 2023. Este descenso foi xeral, en todas as parroquias.
Servizo gratuíto para os valgueses
O Punto Limpo é un centro de almacenamento selectivo de residuos, principalmente de fraccións non ordinarias para facilitar a súa correcta xestión. O servizo é gratuíto para os veciños empadroados en Valga.
Nas súas instalacións, nas que se executaron nos últimos meses diversas obras de mellora para un mellor funcionamento, poden depositarse:
• Colchóns, mobles e outros voluminosos
• Restos metálicos
• Madeira
• Electrodomésticos e aparellos electrónicos
• Plástico agrícola
• Plástico duro (canalóns, PVC, persianas, tubaxes...)
• Poliespán
• Pintura
• Vidro de ventás, vasos, copas ou espellos.
• Entullos e escombro (pedra, formigón, ladrillo, azulexo, tella ou cerámica)
• Aerosois (baleiros)
• Envases plásticos ou metálicos (baleiros)
• Restos de poda
• Aceite de vehículos
• Aceite de cociña
• Roupa, restos téxtiles e calzado
• Pilas
• Tóner de impresoras
Está aberto os luns de 8:00 a 15:00 horas e os xoves de 14:00 a 21:00. Os usuarios poden, ademais, poñerse en contacto cos responsables da súa xestión a través do teléfono 609 469 709.