- Os rapaces empregaron fariña, manteiga e lévedo para elaborar a masa, á que despois deron forma e engadiron un ovo
- Despois enfornaron os seus doces e decoráronos con chocolate e azucre
Valga, 1 de abril de 2024.
O obradoiro infantil de cociña organizado polo Concello e que se celebrou esta mañá no CODI reuniu a un total de trinta e cinco cativos de diferentes idades que elaboraron as súas propias bicas de Pascua.
Os participantes, convertidos en cociñeiros por un día, prepararon a masa empregando como ingredientes fariña, manteiga e fermento. Durante un tempo deixárona levedar para que quedara máis esponxosa e, despois, déronlle a forma que quixeron aos seus doces. Moitos optaron pola tradicional forma circular á que colocaron un ovo no centro e outros empregaron moldes para darlles aspecto de bolboretas, por exemplo.
Os doces metéronse no forno e, unha vez listos, chegou o momento de decoralos con lascas de chocolate, azucre e outros produtos.