- A entidade, con sede en Santiago, presta apoio a familias de nenos con enfermidades de longa duración
- A festa, no pavillón de Baño, contou con obradoiros, inchables, sorteo de agasallos e actuacións musicais
Valga, 25 de marzo de 2024.
A Escola Infantil Municipal celebrou o venres un festival solidario para recadar fondos a beneficio da Fundación Andrea, unha entidade que traballa en apoio a nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.
A actividade conseguiu xuntar 2.124’20 euros a través de varias vías: 1080 euros en doazóns realizadas por empresas e casas comerciais de Valga e doutras localidades da contorna, e a cantidade restante acadouse coa venda de entradas, rifas para o sorteo de 53 lotes de agasallos tamén aportados por comercios e empresas da zona, venda de bebidas, chocolate con churros e un mercado de libros doados polas familias do alumnado da escola.
O festival, que tivo lugar no pavillón municipal de Baño, contou con obradoiros de globoflexia, tatuaxes e pintacaras, entre outros, inchables nos que os cativos se divertiron e actuacións musicais a cargo de Samuel e Valdo, integrantes do grupo Unión y Fuerza.
Ao evento asistiu Amaya Castro, presidenta da Fundación Andrea, que agradeceu a colaboración de toda a comunidade educativa e explicou algúns dos proxectos que desenvolven para axudar ás familias de nenos con enfermidades de longa duración e aos que van destinar os fondos recadados pola Escola Infantil de Valga: a financiación de pisos de acollida para que os pais con rapaces hospitalizados dispoñan de aloxamento e manutención, a concesión de axudas para tratamentos de fisioterapia, logopedia e outros e o acondicionamento dos espazos pediátricos hospitalarios para facer máis soportables os ingresos aos nenos.