Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde acudiu a felicitala e agasallouna cunha placa conmemorativa, un ramo de flores e unha torta

- É a quinta muller de máis idade de Valga, despois de María Tarrío (Eiras), Manuela Duro (Casal de Eirigo), Concepción Jamardo (Sixto) e Dolores Benilde Castaño (Laxes)

ManuelaEiras100 1

Valga, 24 de marzo de 2024.

A veciña de Ferreirós (Cordeiro) Manuela Eiras Castiñeiras celebra un século de vida e faino rodeada da súa extensa familia e acompañada, tamén, polo alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo, que acudiron a felicitala e agasallárona cun ramo de flores, doces e unha placa coa lenda “O Concello de Valga a Manuela Eiras Castiñeiras no día que cumpre os 100 anos”.

Nela de Catalina traballou toda a súa vida no campo e na casa, sacando adiante á súa familia. Tivo nove fillos, un deles xa falecido, e conta con catorce netos e dezaoito bisnetos. Pero a celebración do centenario reuniu en total a unhas setenta persoas, boa parte chegados dende Madrid posto que a maioría dos fillos da homenaxeada emigraron á capital. Xuntáronse todos nunha comida que foi unha festa con maiúsculas porque este non é un aniversario calquera, senón “un día moi especial”, sinala Ana María Ferro, a filla pequena de Manuela.

Tamén o alcalde se referiu ao excepcional desta xornada: “Celebrar un centenario sempre é unha alegría, pero o caso da señora Nela é moi especial”, pola relación que os une. Ao rexedor “crieino eu aquí, cos meus fillos”, corroborou Manuela durante a visita de Bello Maneiro. Todos quedaron emprazados para volver a celebrar o vindeiro ano: “Quero vervos a todos aquí para celebrar os 101”, díxolles o primeiro edil, e que Manuela “siga tal e como está”.

Nela segue todos os días a súa rutina. Levántase sobre as dez da mañá e, despois de asearse, acende a televisión para ver a misa. Despois chega o tempo dos deberes. Porque para manter a súa mente activa, fai tarefas de escritura con cadernos escolares. E cando remata, pregúntalle á súa filla: “Saíume ben?”.

Pola tarde bota unha sesta, merenda e, sobre as oito, vai para a cama a ver outro pouco a tele. Encántanlle as novelas e o Luar, pero tamén os programas sobre política.

Manuela Eiras é a quinta muller máis lonxeva de Valga, despois de María Tarrío, de Eiras (101 anos), e de Manuela Duro, de Casal de Eirigo, Concepción Jamardo, do Sixto, e Dolores Benilde Castaño Bandín, de Laxes, as tres con 100.

ManuelaEiras100 2 ManuelaEiras100 3

Volver