- Os asistentes aprenderon a identificar páxinas inseguras e a neutralizar diferentes riscos que poden atoparse na rede
- A actividade foi impartida por un docente da Amtega experto en ciberseguridade
Valga, 22 de marzo de 2024.
Aprender a navegar por Internet coa mellor seguridade, configurar os dispositivos para conseguir unha protección óptima e preservando a privacidade ou reducir e neutralizar os diferentes riscos da rede son algunhas das cuestións que se abordaron, esta mañá, nun obradoiro de ciberseguridade que se desenvolveu na Aula CeMIT.
Esta actividade, promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Concello, foi complementaria a unha primeira sesión que xa se impartira no pasado mes de novembro, para reforzar os coñecementos adquiridos naquel momento e sensibilizar aos usuarios das novas tecnoloxías da comunicación e á cidadanía en xeral sobre a importancia da formación en ámbitos coma a protección de credenciais, a navegación segura e, en definitiva, no uso diario dos diferentes dispositivos dixitais que hoxe en día temos ao noso alcance.
David Bascoy, experto na materia, foi o encargado de impartir o obradoiro, que tivo un marcado carácter práctico. As persoas asistentes aprenderon a identificar sitios web inseguros e a xestionar cookies, credenciais e conexións desde dispositivos públicos, entre outras cuestións. Parte da sesión tamén estivo dedicada aos teléfonos móbiles: a súa configuración inicial, a instalación de aplicacións e á adquisición de hábitos seguros cando se empregan conexións inalámbricas ou redes WiFi públicas.