- O Concello e a Fundación Amigos de Galicia colaboran nesta actividade, que tamén fomenta o envellecemento activo
- Os participantes están divididos en dous grupos, no Auditorio e no CODI
Valga, 20 de marzo de 2024.
Os nosos maiores enfróntase cada vez a un mundo máis tecnolóxico, algo que aporta determinadas vantaxes polas utilidades que ofrecen, pero que para eles supón tamén dificultades engadidas e lles obriga a realizar un esforzo de adaptación maior que a outros sectores da poboación. Nalgúns casos, as persoas maiores descoñecen a utilidade dalgúns dispositivos e como estes poden mellorar a súa calidade de vida. Ademais, a complexidade do seu uso supón outro inconveniente para eles.
Por iso, o Concello e a Fundación Amigos de Galicia imparten dende hoxe un obradoiro de dixitalización co obxectivo de capacitar aos maiores participantes e que poidan sacar proveito de todo o que as novas tecnoloxías poden ofrecerlles no seu día a día. As sesións gratuítas, nas que se inscribiron 17 persoas, desenvólvense en dous grupos no Auditorio e no CODI e son dirixidas por Ainhoa Echavarren.
Durante as primeiras sesións, que se repetirán todos os mércores ata o 10 de abril, o smartphone será o protagonista. Os asistentes recibiron unha guía que contén as dúbidas máis frecuentes relacionadas cos teléfonos intelixentes e algunhas claves e consellos para sacarlles o máximo partido. Ademais, durante as clases poden tratar estas cuestións con carácter práctico e ir comprobando nos seus propios teléfonos como realizar determinadas accións ou empregar aplicacións de utilidade para eles, por exemplo a do Sergas.
Este curso, que forma parte do programa “Mellor acompañados” da Fundación Amigos de Galicia, tamén ensinará aos participantes a utilizar un caixeiro automático para realizar transferencias, pago de recibos e outros trámites. Empregarán para iso un simulador. E tamén aprenderán a manexarse coas máquinas de quendas, cada vez máis habituais en hospitais, entidades bancarias e edificios de servizos administrativos.
A mestra, Ainhoa Echavarren, destaca, ademais da aprendizaxe tecnolóxica, que este tipo de actividades resultan tamén moi positivas para “fomentar a socialización entre os maiores, o envellecemento activo e axudalos que sexan máis autónomos”.