- O alumnado de 5º e 6º de Primaria realizou probas como facer a cama ou poñer a mesa
- Esta actividade, contra os roles de xénero, forma parte da programación conmemorativa do Día Internacional da Muller
Valga, 19 de marzo de 2024.
A xincana sobre corresponsabilidade organizada polo Concello e o Centro de Información á Muller (CIM) chegou este luns ao colexio Baño-Xanza co obxectivo de desterrar algúns dos roles de xénero máis implantados no ámbito familiar e doméstico e para fomentar un reparto equilibrado das tarefas no fogar.
Alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria participaron nunha serie de probas nas que tiveron que reproducir algunhas das principais tarefas domésticas. Os rapaces, que foron divididos en grupos mixtos, tiveron que realizar unha compra contando cun orzamento limitado, facer a cama, dobrar a roupa, cambiar cueiros aos bebés, poñer a mesa, pasar a vasoira ou facer traballos de bricolaxe.
Con estas accións, pretendíase comprobar quen tomaab a iniciativa á hora de facer cada cousa e que os alumnos reflexionaran sobre como están repartidas as tarefas nos seus propios fogares, analizando se os roles de xénero aínda se manteñen e animándoos a rachar con eles e a contribuír a un reparto máis igualitario dos traballos entre todos os membros das súas familias, sexan mulleres ou homes.