- O prezo é de 18 euros para adultos e 12 para nenos e o Concello financia o traslado en autobús
- As inscricións deben cubrirse nas oficinas municipais a partir de mañá martes ou enviarse por correo electrónico e, a continuación, realizar o ingreso en conta bancaria
Valga, 18 de marzo de 2024.
O Concello, co soporte técnico de Rutea Travel, organiza unha viaxe á Ribeira Sacra que terá lugar o vindeiro 20 de abril e que inclúe unha ruta de sendeirismo por algúns dos principais miradoiros e un percorrido en catamarán polo río Sil.
A excursión sairá ás 7:00 horas dende a Mina Mercedes en autobús, con parada en Luintra. Sobre as 10:30 horas dará comezo a ruta de sendeirismo, de doce quilómetros de lonxitude, pasando por algúns dos principais miradoiros sobre o canón do Sil. O percorrido parte do Miradoiro da Columna e, a continuación avanza por un antigo Camiño Real ata a aldea de Vilouxe, onde se atopa o que para moitos é o miradoiro máis fermoso da zona, cunha ampla panorámica das paredes máis abruptas do canón do Sil.
A segunda parte da ruta discorre polos lugares de Cerreda e Alberguería, parando noutros puntos de observación para descubrir novas perspectivas do val do Sil.
Durante a camiñada farase unha parada para comer.
Ao remate do percorrido a pé, sobre as 15:00 horas, os excursionistas serán trasladados ao embarcadoiro de Santo Estevo, onde entre as 16:00 e as 18:00 horas terá lugar o percorrido en catamarán.
Ao finalizar o paseo en barco polo Sil, emprenderase o regreso Valga, onde está prevista a chegada arredor das 20:30 horas.
As prazas están limitadas a 50 e requírense un mínimo de 30 persoas para realizar a actividade. O prezo é de 18 euros para adultos e 12 para nenos de entre 10 e 16 anos. Menores desa idade non poden participar debido ás características da ruta. Inclúe ruta guiada, viaxe en catamarán e seguros. Non está a incluída a comida, que correrá a cargo dos participantes. Os traslados en autobús son financiados polo Concello.
As inscricións poderán realizarse a partir de mañá martes, cubrindo a correspondente folla no Concello ou descargándoa na web municipal (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) e enviándoa ao enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. A continuación deberán realizar o pago na conta bancaria ES29 2080 5261 1330 0001 8321 (Abanca) indicando como beneficiario Roi Barcala e no concepto o nome e apelidos da persoa ou persoas para as que se realiza o ingreso.
Dende o momento de realizar a inscrición haberá un prazo de cinco días para facer o pago e confirmar a praza. Do contrario, a reserva será anulada. En caso de que o participante queira cancelar a reserva, a cantidade seralle reintegrada se a anulación se realiza cun máximo de 7 días de antelación (límite ata o día 13). A partir desa data só se poderá recuperar o pago si se atopa persoa substituta para a praza.
As inscricións realizadas a menos de 7 días da actividade deberán aboarse o mesmo día da reserva de praza.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e tendo prioridade as persoas empadroadas en Valga. En caso de quedar prazas libres tamén poderán participar veciños doutros concellos.
A excursión non se cancelará por chuvia ou mal tempo, tan só por aviso meteorolóxico extremo.