- A actividade trata de reducir a fenda de xénero no ámbito tecnolóxico e mellorar a empregabilidade
- As alumnas acadarán un título emitido pola Xunta e recibirán en propiedade un ordenador portátil
Valga, 16 de marzo de 2024.
O programa “Galegas dixitais”, que promove a Consellería de Emprego e Igualdade co obxectivo de reducir a fenda de xénero no ámbito das novas tecnoloxías, está a desenvolver un novo curso en Valga, no que participan dezaseis alumnas
As clases, deron comezo o pasado 28 de febreiro e se prolongarán ata mediados de abril, impártense polas tardes na Aula CeMIT do Auditorio e constan de tres módulos de competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento.
O docente Alberto Brenlle, explica que, nesta actividade, as alumnas están a coñecer nocións informáticas dende o nivel máis baixo para, progresivamente, ir avanzando a temas que para elas poden resultar máis complexos. Sistema operativo, navegación básica, buscas en internet e creación do correo electrónico foron algunhas das cuestións que se trataron ao inicio da formación, que tamén inclúe apartados sobre as relacións coa administracións e realización de trámites con certificado electrónico ou sobre seguridade informática (virus, antivirus, firewall...). A medida que avance o curso tamén aprenderán a crear os seus propios dominios para páxinas web.
“Conto con alumnas de todos os niveis e idades. Algunhas nunca tocaron un ordenador, mentres que outras veñen a actualizarse e queren aprender cousas máis avanzadas”, explica o docente informático. Alberto Brenlla destaca, ademais, a relación que se está a formar entre todas as participantes, que ao remate do curso recibirán en propiedade un ordenador portátil.