- Os aprendices de albanelería executan o empedrado do arco da ponte sobre o río Valga
- O módulo de forestais está centrado na zona de xogos infantís
Valga, 14 de marzo de 2024.
Avanzan as obras no Parque Irmáns Dios Mosquera a través do Obradoiro de Emprego Xóvenes II.
Tanto os aprendices de forestais coma os de albanelería atópanse realizando traballos de acondicionamento neste espazo de lecer de Pontevalga.
O módulo de forestais está a actuar no parque de xogos infantís. Retiraron a area que cubría o chan da zona na que se atopan a tirolina e os aparellos de calistenia e instalaron unha malla antiherba para que non rebrote a vexetación, renovando o recheo e deixando os bordos máis elevados para que a area non invada a zona de paseo.
En canto aos alumnos de albanelería, os seus traballos consisten no empedrado do arco de formigón da ponte sobre o río Valga, para dotalo dunha imaxe máis rústica. Nestes momentos os aprendices están a colocar a pedra, á que despois se lle pasará unha hidrolimpadora. Tamén a van encintar en cor marrón claro, imitando o barro.
En paralelo, o módulo de albanelería tamén está a realizar obras no parque infantil da Mina Mercedes e nos locais situados nos baixos do campo municipal de Baño.
O Obradoiro de Emprego Xóvenes II, no que participan dezaseis mozos de Valga e Moraña, foi posto en marcha por estes dous concellos en outubro do pasado ano, cunha subvención da Xunta de Galicia. Está cofinanciado pola Unión Europea mediante o programa FSE+Galicia 2021-2027.