- Os autores premiados destacaron a magnífica plataforma que este certame supón para os investigadores galegos
- O alcalde reafirmou o compromiso do goberno local para seguir “mantendo vivo” este certame
Valga, 28 de abril de 2018
O Concello de Valga pesentou onte no Auditorio as obras gañadoras do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo de 2011 e 2017: “Cultura letrada e alfabetización no Baixo Ulla (séculos XVIII a XIX), de Ana María Sixto Barcia, e “Vade Retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso e amuletos na cultura popular galega”, de Rafael Quintía Pereira.
O acto estivo presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez. Participaron, ademais, os autores das investigacións premiadas e os catedráticos de Historia Moderna da USC, Ofelia Rey Castelao e Pefecto Saavedra, este último tamén académio numerario da Real Academia Galega e membro do xurado do premio Xesús Ferro Couselo dende a súa primeira edición.
As obras premiadas
“Cultura letrada e alfabetización no Baixo Ulla (séculos XVIII a XIX) foi a primeira gran investigación de Ana Sixto como licenciada en Historia, un ensaio de ámbito comarcal centrado no Baixo Ulla, que entre os séculos XVIII e XIX comprendía as vilas de Valga, Pontecesures, Padrón, Rianxo, Rois, Padrón, Dodro e Teo. “Era unha zona de gran diversificación económica. No Baixo Ulla notábase un empuxe superior, e as condicións económicas e sociais deste val permitiron unha maior inversión na cultura”, conta a autora. Tamén os emigrantes axudaron á extensión da rede escolar e contribuíron a incrementar as taxas de alfabetización.
En “Vade Retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso e amuletos na cultura popular galega” Rafael Quintía trata “cuestións culturais que non son cousa do pasado, senón que gran parte seguen vixentes hoxe en día. É un estudo divulgativo dos mecanismos culturais cos que nos dotamos os galegos ao longo do tempo para dar resposta ao medo e ás enfermidades, para a protección frente aos temores da morte e do descoñecido”, engade.
Os dous autores fixeron unha mención ao Concello de Valga pola súa labor en prol da investigación histórica en Galicia a través da convocatoria do premio Xesús Ferro Couselo, unha magnífica plataforma de difusión para os investigadores e para traballos que doutro xeito quizais non verían a luz ou non terían recoñecemento.
O alcalde, José María Bello Maneiro, reafirmou o compromiso do goberno local de “seguir mantendo vivo este premio en homenaxe a Xesús Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga”. De feito, lembrou, xa está convocada a XIX edición, para a que poden presentarse traballos ata o 15 de xuño.