- O rexedor agasallouna cunha praca conmemorativa, un ramo de flores e unha torta
- É a cuarta muller de máis idade de Valga, despois de María Tarrío (Eiras), Manuela Duro (Casal de Eirigo) e Concepción Jamardo (Sixto)
Valga, 12 de marzo de 2024.
Dolores Benilde Castaño Bandín é unha nova integrante do club das centenarias de Valga. Esta veciña de Laxes (Cordeiro) celebra hoxe o século de vida e contou, esta mañá, coa felicitación do alcalde, José María Bello Maneiro, e dos concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo. Os tres representantes municipais visitárona no seu domicilio e agasallárona cunha praca coa lenda “O Concello de Valga a Dolores Benilde Castaño Bandín no día que cumpre os 100 anos”. Tamén a obsequiaron cun ramo de rosas e unha torta na que apagou as candeas.
Benilde naceu na aldea de Beiro, tamén na parroquia de Cordeiro, pero trasladouse a Laxes cando casou. Tivo un fillo, tres netos e dous bisnetos. A súa foi unha vida dura na que tivo que superar moitas dificultades e a perda de seres queridos. Quedou viúva hai moitos anos e ela soa fíxose cargo do coidado de súa sogra e do seu fillo. Debido aos estudos deste, trasladouse anos despois a Pontevedra. “Fun soamente para dous anos, para que José Luis terminase a carreira, e botei alí case cincuenta”, lembraba hoxe rodeada da súa familia, achegados e veciños que acudiron a felicitala.
Con tan só 58 anos o seu fillo faleceu, pero ela seguiu vivindo aínda un tempo na capital da provincia ata que, a raíz dunha caída que lle impedía camiñar, regresou a Valga, onde reside co seu neto José. A súa nora tamén a visita todas as semanas para compartir momentos con ela e axudar no seu coidado.
A nova centenaria traballou durante anos no campo e, cando vivía en Pontevedra, como cociñeira nun restaurante. Ademais, tiña unha pensión na que daba aloxamento a estudantes. Cando o seu fillo casou, en 1975, deixou de traballar.
Aos seus 100 anos, Dolores Benilde aínda le, sobre todo oracións, e é capaz de coser botóns. Os labores sempre foron unha das súas afeccións. Dende unha rotura de cadeira perdeu mobilidade, pero “ata hai 4 ou 5 anos quería coller o andador cunha man e a legoña con outra porque lle podían máis as gañas que o físico”, relata o seu neto.
Tamén lle gusta escoitar a radio e saír ao balcón para ver pasar aos veciños e o tren, xa que vía discorre por diante da súa casa. “Véxoo pasar por aquí e tamén por Laíño”, referíndose aos ferrocarrís que circulan pola vía de Alta Velocidade, na outra beira do río Ulla, que tamén se albisca dende Laxes.
“É unha privilexiada”, di a súa familia, porque “ao estar nun ambiente rural sempre recibe visitas” de veciños e achegados e está acompañada.
O alcalde e os concelleiros, que brindaron con toda a familia nunha xornada tan especial, pedíronlle a Benilde un compromiso: “Para o ano ten que ter outra botella de champán para celebrar os 101”.
Dolores Benilde é a cuarta muller máis lonxeva de Valga, despois de María Tarrío, de Eiras (101 anos), e de Manuela Duro, de Casal de Eirigo, e Concepción Jamardo, do Sixto, as dúas con 100.