- Realizaron probas como cambiar cueiros aos bebés, dobrar a roupa ou facer traballos de bricolaxe
- A vindeira semana esta mesma actividade levarase ao colexio Baño-Xanza
Valga, 12 de marzo de 2024.
As actividades organizadas polo Concello con motivo do Día Internacional da Muller chegan tamén ao ámbito educativo a través das Xincanas Corresponsables, que este luns tiveron como protagonista ao alumnado do colexio Xesús Ferro Couselo. Os rapaces de 4º, 5º e 6º de Primaria participaron nunha serie de actividades proxectadas polo Centro de Información á Muller (CIM) e centradas nos hábitos do fogar, co obxectivo de fomentar o reparto equilibrado das tarefas domésticas e das responsabilidades familiares e contribuír a erradicar os roles de xénero.
Os rapaces, que recibiron unha explicación sobre o concepto da corresponsabilidade, reflexionaron sobre como están repartidas as tarefas nos seus propios fogares e quen se fai cargo de cada unha. A continuación, divididos en grupos mixtos, participaron nunha xincana con algunhas das tarefas domésticas máis habituais: facer a cama, cambiar os cueiros e vestir aos fillos, recoller e dobrar a roupa, realizar unha compra cun presuposto limitado, facer a comida ou arranxos de bricolaxe.
Esta actividade permitiu comprobar quen tomaba a iniciativa á hora de realizar cada tarefa, demostrando que algúns dos roles de xénero que afectan ás actividades domésticas non están, nin moito menos, superados, polo que é preciso seguir traballando pola igualdade neste ámbito.
A vindeira semana, esta mesma actividade realizarase no colexio Baño-Xanza.