Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo acompañárono durante a visita

- Tamén se achegaron ás instalacións deportivas de Campaña e ao Belén Artesanal

VisitaVicepresidente1

Valga, 11 de marzo de 2024.

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, visitou esta mañá Valga para comprobar o resultado dos últimos investimentos realizados polo seu departamento no municipio, en concreto na Casa da Cultura de Pontevalga. O representante do goberno autonómico, que veu acompañado por Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local, foi recibido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Pedro Calvo e Carmen Gómez.

Xunta e Concello investiron na Casa da Cultura un total de 122.000 euros en dous proxectos que supuxeron a renovación da carpintería exterior e da cuberta e que permitiron mellorar o illamento e poñer fin ás filtracións de auga e humidades no inmoble, que conta con diversas aulas polivalentes e unha zona de auditorio con cabida para unhas cen persoas.

Na cuberta substituíronse as chapas metálicas do vello tellado por paneis de aceiro galvanizado, tamén se instalaron canlóns e un novo illamento, unhas obras valoradas en 71.151’32 euros. No referido á carpintería exterior, colocáronse 4 portas novas e 14 fiestras con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento, cun investimento de 50.849’ 76 euros.

Ademais da mellora estética do inmoble, a renovación da carpintería de aluminio supuxo un reforzo do illamento permitindo acadar un maior confort en todas as estancias ao reducir a entrada de aire e as perdas de calor. Así mesmo, mellorouse a seguridade grazas aos sistemas de apertura e bloqueo reforzados dos novos elementos.

O vicepresidente e o alcalde mantiveron tamén unha xuntanza na Casa do Concello, na que abordaron futuras actuacións a acometer en infraestruturas municipais. Tamén visitaron as instalacións deportivas de Campaña, centrado o interese no campo de fútbol máis antigo do recinto que, con uns trinta anos de antigüidade, precisa da renovación do céspede artificial, que se atopa impracticable.

Por último, Diego Calvo e Natalia Prieto visitaron o Belén Artesanal en Movemento, un dos grandes recursos turísticos de Valga e que durante o pasado Nadal recibiu máis de 40.000 visitas.

VisitaVicepresidente2 VisitaVicepresidente3

VisitaVicepresidente4

Volver