Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Modificouse o regulamento da Escola Infantil e nomeáronse xuízas de paz titular e substituta

- Tamén saíron adiante as expropiacións de terreos para suprimir dous pasos a nivel e creouse unha comisión para estudar a creación dun Centro Superior de Arte Dramática

Laccons1

Valga, 7 de marzo de 2024.

A Corporación municipal reuniuse nun Pleno ordinario no que se aprobou o quinto Plan de Igualdade do Concello, un documento que determinará as accións a desenvolver en materia de igualdade nos vindeiros catro anos co obxectivo de acadar un municipio no que mulleres e homes gocen das mesmas oportunidades en todos os ámbitos. Neste senso, o plan articula unha estratexia integral de intervención orientada a xerar os cambios estruturais necesarios para acadar maiores cotas de igualdade real. O alcalde, José María Bello Maneiro, sinalou que o goberno local síntese “moi orgulloso do traballo que dende hai anos se está a realizar en materia de igualdade”. O punto saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e, en contra, de PSOE e BNG.

Foi a de onte unha sesión con moito contido, por exemplo, en materia educativa. Por unha parte, aprobouse a modificación do regulamento de organización e funcionamento da Escola Infantil Municipal, para adaptalo ás Normas de Funcionamento para escolas infantís da Consellería de Política Social. As novidades no texto apenas suporán cambios, xa que moitos deles xa se viña aplicando na práctica, coma a apertura do centro ás 7:00 horas para favorecer a conciliación e a gratuidade do servizo. Os edís do goberno votaron a favor, o PSOE abstívose e o BNG votou en contra.

Tamén referente ao ámbito educativo, quedou aprobado por unanimidade a creación dunha comisión especial informativa para o estudo da creación dun Centro Superior de Arte Dramática no Auditorio Municipal. Este órgano, que estará formado por membros dos tres partidos con representación na Corporación e persoal técnico do Concello, terá como obxecto a elaboración dunha memoria que avalíe os aspectos sociais, técnicos, xurídicos e financeiros da creación de dito centro, co que se pretende dar continuidade ao traballo que se está a desenvolver dende a posta en marcha do Centro Superior de Música, ampliando a oferta formativa no ámbito das artes escénicas.

Co apoio do grupo de goberno os votos en contra de PSOE e BNG nomeouse ao xurado do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, que cumpre este ano a súa vixésimo quinta edición. Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da USC; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo, serán os encargados de avaliar as investigacións que concorran ao certame. Vanessa Losada, técnica municipal, exercerá de secretaria. O prazo de presentación de traballos nas súas dúas modalidades está aberto ata o 15 de abril.

Outros asuntos de interese cultural tratáronse durante a sesión, por exemplo a tramitación de diferentes distincións para a Procesión dos Lacóns, que se celebra cada ano na parroquia de Cordeiro o día 2 de febreiro, coincidindo coa festividade da Candeloria. Quedou aprobada (cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención de PSOE e BNG) unha moción de urxencia presentada de forma oral polo grupo de goberno para solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, como paso previo á solicitude de declaración como Ben de Interese Cultural inmaterial.

Noutra orde de cousas, propúxose o nomeamento como xuízas de paz titular e substituta a Araceli González e Mª Cruz Eiras Isorna, que xa veñen desempeñando esta función nos últimos anos. O grupo de goberno votou a favor, o PSOE en contra e o BNG optou pola abstención.

Tamén se aprobou a solicitude de urxente ocupación dos terreos necesarios para executar as obras de eliminación de dous pasos a nivel na vía férrea, nos lugares de Castiñeiras e Carracido, substituíndoos por un novo paso superior. O proxecto, no que o ADIF investirá 3’5 millóns de euros e que acaba de adxudicar, tamén inclúe a continuación das estradas paralelas á vía entre Laxes e Carracido e dende a praia fluvial de Vilarello ata Vilar. O voto do grupo de goberno foi favorable e PSOE e BNG abstivéronse.

Pola contra, non saíu aprobada unha moción presentada polo grupo socialista sobre a creación dunha residencia pública. O alcalde, como portavoz do equipo de goberno, pronunciouse a favor desta iniciativa e, de feito, indicou, xa hai tempo que o Concello puxo a disposición da Xunta un espazo no que poñer en marcha a citada residencia para maiores. O rexedor solicitou a modificación dalgúns dos puntos da moción para apoiala, pero ante a negativa do grupo socialista, os edís do goberno votaron en contra. PSOE e BNG fixérono a favor.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver