- Os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo distribuíron o material que pon o foco no valor diferencial que as mulleres aportan a este sector
- O venres pola tarde no Auditorio celébrase o acto central do 8-M: unha homenaxe a emprendedoras locais
Valga, 6 de marzo de 2024.
O Concello está impulsa entre o sector empresarial e comercial de Valga a campaña de sensibilización en igualdade “Tan distintas como marabillosas”, coa que o goberno local quere poñer o foco no papel que xogaron e xogan as mulleres no desenvolvemento económico do municipio e na loita que moitas delas desempeñaron en favor da igualdade laboral e en contra dos estereotipos e as discriminacións no ámbito empresarial, industrial e do traballo.
Con esta campaña quérense visibilizar os avances conseguidos nos últimos tempos, pero tamén poñer o foco nos retos que aínda quedan por diante para garantir a igualdade efectiva e, con ela, unha sociedade máis xusta na que o talento sexa o factor diferencial, por diante do xénero e os prexuízos relacionados con este.
A tenente de alcalde Carmen Gómez e o concelleiro Pedro Calvo percorreron arredor de noventa empresas e establecementos de Valga entre os que repartiron cartelería e unhas composicións florais artificiais elaboradas no CODI. Todo co lema “Tan distintas como marabillosas”, que alude aos valores diferenciais que as mulleres aportan no sector empresarial e comercial e, en xeral, en todos os ámbitos sociais.
A programación deseñada polo Concello a través do Centro de Información á Muller (CIM) para conmemorar o Día Internacional da Muller inclúe accións e actividades dirixidas aos ámbitos cultura, educativo, deportivo... pero incide especialmente no sector empresarial. Deste xeito, o vindeiro venres desenvolverase o acto central do 8-M , un recoñecemento a mulleres emprendedoras que teñen negocios en activo en Valga. Será a partir das 20:00 horas con entrada libre para o público que queira asistir a esta homenaxe a empresarias que apostaron por Valga, polo desenvolvemento local e que son xeradoras de servizos, benestar e emprego.