- O alcalde e o responsable de Protección Civil asistiron en Caldas á presentación das medidas de prevención e resposta ante emerxencias
- A agrupación de voluntarios patrullará a ruta e prestará auxilio aos camiñantes, traballos polos que recibirá unha subvención
Valga, 27 de abril de 2018.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e o responsable de Protección Civil de Valga, José Manuel Otero, asistiron esta mañá á presentación do Plan de colaboración das agrupacións de voluntarios de Protección Civil na vixilancia do Camiño Portugués. O acto, que contou coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Emerxencias, Luis Menor, celebrouse en Caldas de Reis.
Este plan quere contribuír a reforzar a atención aos peregrinos da ruta lusa, a segunda máis transitada de tódolos Camiños de Santiago, a través das agrupacións de voluntarios, traballando na prevención de incidentes, mellorando a seguridade dos tramos e prestando auxilio aos camiñantes cando así o precisen. Os voluntarios patrullarán o Camiño nas horas de maior afluencia de peregrinos, incrementando así a seguridade e garantindo unha rápida asistencia en caso de emerxencia.
Estas tarefas non son novas para os voluntarios de Protección Civil de Valga, que xa levan anos vixiando e patrullando os 6,3 quilómetros do Camiño Portugués que discorren por Valga, atendendo aos peregrinos, proporcionándolles información e prestándolles atención sanitaria, entre outras funcións. Agora, en virtude do convenio que asinará coa Xunta de Galicia, a Agrupación de Voluntarios recibirá unha axuda fixa de 2.000 euros e outra variable en función da extensión da zona que cubran.
As accións preventivas completaranse coa edición dunha guía con consellos de autoprotección para os peregrinos.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, lembrou que están a piques de comezar os traballos de sinalización e posta a punto do Camiño Portugués coa vista posta no Xacobeo 2021. Nestas obras investiranse 2,5 millóns de euros.