Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O espectáculo é un percorrido pola vida e obra de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas

- A función comezará ás 19 horas con entrada de balde para o público

señorafoto

Valga, 27 de abril de 2018.

A compañía Matrioshka Teatro presenta este domingo no Auditorio Municipal a obra “Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos”, unha homenaxe á María Victoria Moreno, autora á que este ano se adica o Día das Letras Galegas.

O espectáculo ofrece un percorrido pola vida e a obra da escritora, que se definía a si mesma como unha “señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos”. O texto foi elaborado polo propio grupo teatral, logo de falar cun gran número de persoas que coñeceron e trataron a María Victoria Moreno e botando man de diferentes fragmentos das obras da autora.

Escritora, mestra, loitadora, defensora da lingua e pioneira da literatura infantil e xuvenil en galego. Todas as facetas de María Victoria Moreno están reflexadas na montaxe teatral, protagonizada por Lorena Conde, Chelo do Rejo e a valguesa Anabel Gago, gañadora de dous premios María Casares de Teatro á mellor actriz protagonista e secundaria e cofundadora da compañía Matrioshka.

Para as intérpretes este espectáculo vai máis alá dun mero recoñecemento á escritora, senón que é unha homenaxe “ás mestras de vida, encarnadas para nós en María Victoria Moreno, sempre entregada nas aulas e nos libros, sempre apaixonada, comprometida e honesta”. E, se ben a peza ten detrás un concienzudo traballo de documentación, “o seu obxectivo non é facer unha enumeración de feitos, datas e títulos. O noso labor é facerlle a María Victoria Moreno e ás nosas outras mestras de vida o agasallo que merecen: poesía, amor, fantasía e humor”.

señora

Volver