Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Carreira pola Lingua, outras actividades educativas ou o Premio Ferro Couselo foron algunhas das iniciativas que se levaron a cabo

- O Concello tamén se adheriu á Declaración de Pontevedra, para promover o uso do galego no ámbito xurídico

Galego

Valga, 27 de decembro de 2023.

O Concello de Valga continúa a desenvolver actividades de dinamización do galego a través do departamento municipal de Normalización Lingüística, que traballa para fomentar o uso da nosa lingua en todos os ámbitos da vida social e institucional.

Durante os últimos meses desenvolvéronse diferentes iniciativas en colaboración cos centros de ensinanza valgueses, co obxectivo de normalizar o galego dende idades temperás e nun ámbito tan relevante coma o educativo. Por exemplo, a administración local participou, como organismo colaborador, na Carreira Pola Lingua que anualmente promove o IES de Valga.

Outro ámbito no que se traballa dende o Servizo de Normalización Lingüística é o cultural, con propostas tan relevantes coma a convocatoria do Premio Xesús Ferro Couselo que, ademais de visibilizar a este ilustre persoeiro valgués e o seu legado, contribúe a promover as investigacións en lingua galega, tanto a nivel autonómico como local.

Ademais, este ano o Concello de Valga asinou, xunto con outra trintena de entidades locais da provincia, a “Declaración de Pontevedra”, para fomentar o uso da lingua galega nas relacións coa xustiza, unha iniciativa promovida conxuntamente entre a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Irmandade Xurídica Galega. Deste xeito, o Concello comprométese a impulsar o proceso de galeguización dos servizos xurídicos municipais, tanto na oralidade coma nos escritos presentados perante xulgados e tribunais de xustiza, así como na redacción de cantos actos xurídicos documentados promova o Concello. Tamén se compromete a que os representantes municipais (mediante asesorías propias ou externalizadas) soliciten á xustiza que as resolucións lles sexan notificadas no idioma da Galiza.

Neste ano 2023 cumpríronse trinta anos dende que o Concello de Valga creou o Servizo Municipal de Normalización Lingüistica, momento dende o cal o galego pasou a ser o idioma no que se desenvolven todos os actos administrativos da entidade local. En 1993 Valga convirteuse nun dos primeiros concellos de Galicia en crear este Servizo para impulsar e coordinar a utilización do galego en todos os ámbitos da administración municipal. O obxectivo era aplicar a Lei de Normalización Lingüística de Galicia e ofrecer apoio e asesoramento lingüístico tanto aos traballadores municipais como a os veciños. En definitiva, normalizar o uso do galego nos diferentes ámbitos da vida pública. Para acadalo, o Concello ten aprobada e en vigor a “Ordenanza municipal para o impulso da lingua galega en Valga”.

O Servizo municipal de Normalización Lingüistica, que dende a súa creación forma parte da Rede de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, recibiu este ano unha subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 25.000 euros, unha cantidade que axuda a sufragar ao persoal encargado do departamento así como as diferentes actividades que se levan a cabo.

LogoNovoDepologo snl  

Volver