Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o día 12 de marzo

- As propostas económicas valoraranse á alza a partir dun canon mínimo de 300 euros ao mes

bar VILARELLO

Valga, 27 de febreiro de 2024.

O Concello saca a concurso a explotación da cafetería da praia fluvial de Vilarello, cun prazo de presentación de ofertas que permanecerá aberto ata o vindeiro 12 de marzo.

Segundo establecen as cláusulas administrativas, o servizo prestarase a risco e ventura do concesionario, retribuíndose cos ingresos que se deriven da explotación das cafeterías. O adxudicatario deberá aboar ao Concello un canon mensual mínimo de 300 euros, IVE incluído, así como os demais impostos ou taxas que se deriven dos contratos. As ofertas económicas efectuaranse á alza partindo da citada cantidade de e poden presentarse ata o día 12 de marzo. A elección da oferta máis vantaxosa atenderá aos seguintes criterios: o maior canon ofertado, o proxecto de explotación e o equipamento e mobiliario co que se dotará ao local.

O contrato terán unha duración de dous anos e poderán ser prorrogados por mutuo acordo das partes sen que a duración total poida exceder de catro anos.

Corresponderá ao adxudicatario cumprir cunha serie de esixencias, como encargarse do mantemento, conservación e limpeza da totalidade do edificio, o aparcamento e o local anexo destinado a Aula da Natureza. Así como a limpeza das papeleiras ou calquera acumulación de lixo en toda a contorna, incluíndo a praia e o parque. Queda excluído das obrigas o mantemento da praia fluvial, das zonas verdes, do auditorio ao aire libre e do resto de terreos que forman parte deste espazo.

O establecemento non poderá pechar máis de tres días á semana. O horario de apertura ao público será, como mínimo, de 10:00 a 21:00 horas, podendo pechar entre as 15:00 e as 16:00. En todo caso, este horario poderá ampliarse ata o máximo legalmente establecido pola lexislación vixente.

Outras esixencias que recollen os pregos son:

   - Cumprir a normativa sobre hixiene e sanidade relativas á hostalería.

   - Exercer por si o contrato e non cedelo ou traspasalo a terceiros.

   - Manter os aseos equipados con xabón, toallas ou secadores, papel hixiénico, etc.

   - Manter en bo estado os locais, superficies, instalacións, maquinaria e equipamentos, así como realizar á súa costa as reparacións ou substitución dos elementos que o requiran.

   - Concertar pólizas de responsabilidade civil que cubran os riscos que se puidesen causar, directa ou indirectamente.

   - Reparar os danos ocasionados nas dependencias e mobiliario que se produzan por actividades propias do obxecto da concesión.

   - Responder dos danos e prexuízos que se ocasionen ao Concello con motivo da prestación do servizo.

   - Ter ao persoal afiliado á Seguridade Social e en posesión do carné de manipulador de alimentos.

   - Non se poderán instalar máquinas “tragaperras” que concedan premios en metálico nin máquinas recreativas dos tipos B e C. A instalación doutros aparellos ou máquinas de pasatempo estará suxeita á previa autorización do Concello.

   - Non se permitirá a práctica de ningún xogo de azar no que se utilicen apostas de diñeiro. 

Ao finalizar o contrato, o adxudicatario deberá deixar o edificio e os terreos en iguais condicións ás que se atopan actualmente.

Volver