Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Acudiron á función teatral alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO de sete centros educativos da comarca

- A actividade, promovida por Editorial Galaxia, repetirase no mes de maio con outra obra de María Victoria Moreno, “Anagnórise”

leonardo1

Valga, 26 de abril de 2018.

A obra de teatro “Leonardo e os fontaneiros” reuniu esta mañá no Auditoiro Municipal a trescentos cincuenta escolares de Valga e da súa contorna.

Alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de Cuntis, Caldas de Reis, Pontecesures e Padrón, dos colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo e do IES de Valga presenciaron a adaptación teatral do libro de María Victoria Moreno –autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas– a cargo dos actores Ana Carreira e Manu Polo, da compañía Ubú Teatro.

A historia está protagonizada por Antón, un rapaz no último curso da escola, que decide narrarlle as súas vivencias a Leonardo, un can da rúa ao que coida como se fose seu. As aventuras no colexio, as trasnadas dos rapaces, as rifas dos profesores ou a amizade con Leonardo levan a Antón a enfrontarse a outros temas como a morte, a dignidade ou a incompresión ante os comportamentos dos adultos.

Esta divertida e imaxinativa historia xa era coñecida para os rapaces, que previamente leron e traballaron con esta obra nos seus respectivos centros educativos por iniciativa de Editorial Galaxia, editora do libro e promotora tamén da función teatral como unha sorte de experiencia cultural completa para os estudantes. A iniciativa repetirase no vindeiro mes de maio, con outra obra de María Victoria Moreno, “Anagnórise”, e coa asistencia de mozos de 3º e 4º cursos da ESO.

leonardo2 leonardo3 leonardo4

Volver