- Participan quince desempregados que están a aprender as función e aplicacións básicas dun ordenador e da rede
- O PIE ten como beneficiarias a un cento de persoas, entre eles 18 veciños de Valga, co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral
Valga, 21 de febreiro de 2024.
O Programa Integrado de Emprego no que participa o Concello de Valga xunto a Pontecesures, Catoira, Padrón, Dodro e Rois, xa está en marcha coa participación dun cento de persoas desempregadas, entre elas 18 veciños de Valga que tratan, a través deste proxecto, de mellorar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.
As actividades formativas deron comezo nos últimos días, dende que o pasado día 12 se realizou a presentación do programa ante os beneficiarios. En concreto, en Valga estase a impartir dende principios desta semana un curso de alfabetización informática e internet no que participan 15 persoas e que ten unha duración total 25 horas.
O obxectivo desta formación é que o alumnado aprenda a obter e procesar información nun ordenador, empregando as funcións básicas das aplicacións informáticas de oficina e de internet. O curso consta de dous módulos. Por unha parte, iniciación á informática, sobre o uso das funcións básicas dun dispositivo dixital para realizar tarefas de procesamento e obtención de información, diferenciando os tipos de aplicacións a empregar en función da tarefa a desenvolver.
O segundo módulo está centrado en internet para que os alumnos diferencien os diferentes protocolos, servizos e aplicacións da rede e aprendan as utilizar as funcións principais de cada un.