- Nenos e maiores déronse cita en Ferreirós para participar nunha mañá de traballo e aprendizaxe
- Os máis pequenos participaron tamén en obradoiros lúdicos e educativos
Valga, 25 de abril de 2018.
A sementeira do trigo reuniu hoxe no lugar de Ferreirós, na parroquia de Cordeiro, a distintas xeracións de veciños de Valga que participaron nunha mañá de moito traballo para os maiores e de aprendizaxe para os pequenos. Esta actividade de recuperación das tradicións agrarias e de conservación do patrimonio cultural local enmárcase dentro do X Encontro Interxeracional, que continuará nos próximos meses coa sega, a malla e, por último, a festa do trigo. Trátase dunha iniciativa que promove a convivencia entre veciños a través das lembranzas e da experiencia dos maiores e nela colaboran os colectivos A Eira, Axentiva, Asdivalu e a asociación de mulleres rurais Albor.
Máis dun cento de rapaces dos distintos centros educativos acudiron á cita co pasado: 60 alumnos das escolas unitarias, 44 de 5º de Primaria do CEIP Baño-Xanza, 20 de 1º de Primaria do CEP Xesús Ferro Couselo e tamén os usuarios do CODI. Participaron, primeiro, nuns obradoiros lúdicos e formativos sobre o trigo e, despois, axudaron aos maiores a sementar este cereal como se facía antano, cando a maquinaría aínda non chegara ao sector agrario e había que botar man da unión entre veciños para axudarse os uns aos outros coas tarefas da terra.
Daquela, a sementeira tiña lugar polos meses de outubro ou novembro. Cun arado de pau abríanse as marxes, que despois se tapaban con angazos. Para rematar o proceso, cubríase o gran espallado con legoñas. Ademais de trigo, tamén se sementaban outros cereais como centeo ou avea e facíase en grandes leiras, xa que o produto, destinado á alimentación das familias, tiña que durar todo o ano.
Así se fixo hoxe en Ferreirós, nunha mañá que rematou cunha merenda tradicional na que se degustaron chourizos, queixo, sardiñas e empanadas.
Máis fotos: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.239254566623004.1073741974.131969484018180&type=1&l=705ce53cba