• En categoría infantil, a comparsa OVNI de Catoira acadou o primeiro posto
• A asociación cultural Musival levou o premio ao mellor disfrace de Valga co seu “Circo Ruso”
Valga, 17 de febreiro de 2024.
O Desfile de Entroido que se celebrou esta tarde nas inmediacións do Auditorio Municipal reuniu a unha trintena de participantes, entre disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas. Ademais das inscrición locais, houbo tamén unha importante presenza de concursantes chegados doutras localidades, con procedencias moi diversas: Pontecesures, Catoira, Rois, Moraña, Noia, Sigüeiro, Redondela, Brión ou A Pobra do Caramiñal.
O certame, que constaba de vinte premios valorados en 2.850 euros, tivo como xurado a representantes de colectivos culturais e educativos do municipio: Juan Carlos Sanmarco, da ANPA do IES de Valga; Vanesa Chaves, da ANPA do colexio Ferro Couselo; Carmen Mato e Mª Pilar López, da ANPA do CEIP Baño-Xanza; Eva García Saborido, da asociación cultural Musival; Encarna García; e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo.
Os participantes fixeron un pequeno percorrido por Ferreirós, pasando por diante do Auditorio e representando os seus bailes e espectáculos ante o xurado. Despois, mentras este deliberaba, actuou o Mago Noel, que ofreceu un show de ilusionismo e maxia que engaiolou a cativos e maiores. El tamén foi o encargado de presentar o desfile e o acto de entrega de premios.
O galardón á mellor comparsa de adultos foi para “Patifas, valeiras, valeiros e criaturas do Ulla”, da asociación cultural A Estornela de Pontecesures; e o mellor grupo foi “Unha granxa moi chuli”, de Valga. En categoría infantil, a comparsa máis valorada polo xurado foi OVNI, de Catoira; e en grupos gañaron as tamén catoirenses “Cazadoras de mamuts”. Outro dos galardóns principais foi o mellor disfrace de Valga, que recaeu no “Circo Ruso” da asociación Musival.
Esta é a lista completa de gañadores:
INFANTIL INDIVIDUAL:
1º premio (50 euros): Bolboreta monarca, de Valga
2º premio (40 euros): O mouchiño, de Valga
3º premio (30 euros): Avoíña, de Valga
PARELLAS INFANTÍS:
1º premio (70 euros): Nai natureza
2º premio (40 euros): As Sargadelas, de Noia
GRUPOS INFANTÍS
1º premio (100 euros): As cazadoras de mamuts, de Catoira
2º premio (50 euros): Os hippies happies, de Oín (Rois)
COMPARSAS INFANTÍS:
1º premio (200 euros): Ovni, de Catoira
2º premio (100 euros): Rois in love, de Sorribas (Rois)
ADULTO INDIVIDUAL:
1º premio (80 euros): Fantasía azul, de Redondela
2º premio (40 euros): O señor das bateas, de Redondela
PARELLAS ADULTOS:
1º premio (120 euros): Habelas hailas, de A Pobra do Caramiñal
2º premio (60 euros): Mantis, de Valga
GRUPOS ADULTOS:
1º premio (200 euros): Unha granxa moi chuli, de Valga
2º premio (100 euros): Do reverso, de Sorribas (Rois)
COMPARSAS ADULTOS:
1º premio (800 euros): Patifas, valeiras, valeiros e criaturas do Ulla, da asociación cultural A Estornela, de Pontecesures
2º premio (500 euros): C.A.C.A. (Centro Aeroespacial de Catoira), de Catoira
3º premio (150 euros): A Pascua de Padrón, de Valga
MELLOR DISFRACE DE VALGA:
Premio único (100 euros): Circo Ruso, da asociación cultural Musival