- Mulleres con negocios en activo en Valga serán recoñecidas o día 8 de marzo nun acto no Auditorio
- As propostas de homenaxeadas poden facerse chegar ao Concello ata o día 26 de febreiro
Valga, 16 de febreiro de 2024.
O Concello está a preparar a programación con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora o vindeiro 8 de marzo. O acto central será, como xa é habitual dende hai anos, unha homenaxe que, nesta ocasión, recaerá en mulleres emprendedoras que teñan un negocio en activo en Valga.
Mulleres loitadoras, valentes e soñadoras que foron e son motor económico do noso concello, que apostaron por emprender dende o rural, dinamizando e enriquecendo Valga dende os sectores máis diversos: o comercio, a industria, a educación, o turismo, a artesanía, a gandería ou a agricultura, entre outros.
O acto terá lugar o propio día 8 de marzo ás 19:30 horas no Auditorio Municipal.
Aquelas mulleres que cumpran estes requisitos e queiran formar parte da homenaxe poden poñerse en contacto co Concello ata o día 26 de febreiro chamando aos seguintes teléfonos:
- Auditorio: 986 55 67 69 ou 659 063 714
- Concello: 986 55 94 56 (extensións 2017, 2019 ou 2021)