Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Á primeira poden concorrer traballos de investigación de ámbito galego e á segunda proxectos centrados en Valga

- Repartiranse 7.000 euros en premios e o prazo de presentación das obras permanecerá aberto ata o 25 de abril

premioferrocouselo

Valga, 15 de febreiro de 2024.

O Concello de Valga convoca un ano máis o Premio Xesús Ferro Couselo, un certame que cumpre vinte e cinco anos promovendo a cultura e a investigación e homenaxeando a esta insigne figura da cultura galega e Fillo Predilecto do municipio.

 Os traballos poden presentarse ata o día 25 de abril nas dúas modalidades habituais. Á primeira, dotada con 4.000 euros, poden concorrer traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As obras deben estar escritas en galego, ser inéditas e que non teñan obtido ningún premio anteriormente. A extensión mínima será de 50 folios e a máxima de 300.

Na segunda modalidade convócase unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. Os participantes deben presentar un guión razoado no que detallen os obxectivos que pretenden acadar co traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do traballo.

Os participantes en calquera das dúas modalidades deben dirixir os seus traballos ao Rexistro de Entrada do Concello de Valga entregando cinco copias tamaño A4, con fonte Arial tipo 12 e interliñado simple. É imprescindible presentar os traballos baixo un lema, que tamén figurará no exterior da plica na que se incluirán o nome e apelidos do autor, enderezo e teléfono. Os gañadores daranse a coñecer a finais do mes de xullo, coincidindo co aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo.

O xurado estará constituído por catro especialistas no campo da investigación designados pola Comisión de Cultura do Concello, que se reservará para si a Presidencia e a Secretaría. Se o considera pertinente, o xurado poderá dividir o premio, concedéndollo como máximo a dúas obras. Tamén poderá declarar deserto o certame se os traballos non acadan a calidade desexable.

As obras premiadas quedarán en poder do Concello de Valga, que se reserva o dereito de publicación.

FerroCouselo24

Volver