Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A sesión “Cóntoche un traxe infantil”, sobre a vestimenta tradicional galega, terá lugar o vindeiro 20 de maio

- A actuación de Treixadura, que presentará o seu novo disco, está programada para o 30 de setembro

treixadura

Valga, 24 de abril de 2018.

O programa “Cultura no Camiño”, coordinado por Turismo de Galicia e pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), trae nos vindeiros meses a Valga dous espectáculos de música e danza tradicional, que poderán verse no Auditorio Municipal con entrada de balde para o público.

O domingo 20 de maio terá lugar o espectáculo “Cóntoche un traxe infantil”, unha sesión de teatro infantil a cargo de Moendo Muiñeiras. Dunha maneira sinxela, orixinal, dinámica e amena proponse unha viaxe no tempo para ver como era o vestiario dos nosos tatara-tatara-avós. A narración irá acompañada de cantigas referidas ás pezas de roupa que os vestían, poemas de grandes da literatura galega nos que se alude a pezas do vestiario decimonónico e proxeccións de imaxes de traxes tradicionais e materiais cos que se fabricaban as teas. Ademais, poderán manipularse estas pezas de roupa e catro asistentes voluntarios acabarán o espectáculo vestidos como os seus devanceiros.

Ao remate do verán, o 30 de setembro será o turno de Treixadura, que presentará en Valga o seu novo disco “Inda canto” , recén publicado e que supón unha nova aposta do grupo por reinventarse.

Composto por doce cancións, “Inda canto” responde á necesidade de Treixadura de seguir cantando e tocando. Segundo os integrantes do grupo, “a música tradicional é necesidade para unha tribo, para un pobo, para unha sociedade. Necesitamos eses referentes do imaxinario colectivo, esas cancións e letras que coñecemos todas e todos e que cantamos en ocasións especiais ou sen máis, cando nos xuntamos”.

Treixadura ofrece dende 1990 un espectáculo musical sorprendente a través de dúas concepcións ben arraigadas na tradición galega: o canto e a gaita. O resultado é unha proposta artística que recupera a música tradicional e, á súa vez, representa unha achega á cultura a través das súas composicións e a recuperación de pezas e cancións populares.

É un dos referentes da música galega que recolle a tradición e pon en valor a súa riqueza cultural. Cunha traxectoria musical de vinte e oito anos, é un grupo recoñecido pola súa recuperación do patrimonio cultural galego e cun reto definido: achegar a música tradicional a un maior público, difundindo composicións propias e antigas que respectan a tradición.

Treixadura foi galardoado en 2013 nos primeiros Premios Galegos da Música Martín Códax como o mellor grupo de música tradicional galega. En 2014 recibiron a homenaxe da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística polo seu tratamento musical e escénico do folclore galego e o seu traballo en favor da recuperación da música tradicional de Galicia.

Estes dous espectáculos foron seleccionados polo Concello a partir do catálogo de propostas elaborado pola Xunta de Galicia. “Cultura no Camiño”, que cumpre a súa sexta edición, trata de dinamizar a actividade cultural dos municipios polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago, dando resposta á demanda cultural dun público diverso, formado tanto por veciños como por visitantes e peregrinos.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver