- O conselleiro de Educación e o alcalde acompañaron aos representantes das illas nun percorrido polas escolas rurais
- Grazas ao seu modelo innovador e baseado na proximidade, o CRA pasou de ter tres escolas en risco de peche a contar con case 90 matriculado
Valga, 7 de febreiro de 2024.
O CRA de Valga é tamén espello no que se mira o sistema educativo canario. As escolas rurais de Valga recibiron hoxe a unha delegación da Consellería de Educación do goberno das illas, encabezada pola directora xeral de Administración de Centros, Escolarización e Servizos Complementarios, Carolina León, á que acompañaban tamén dúas xefas de servizo. Na visita participaron tamén o conselleiro de Educación e Cultura da Xunta, Román Rodríguez; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo; o alcalde, José María Bello Maneiro; a concelleira de Educación, Carmen Gómez; e o edil de Cultura, Pedro Calvo.
As representantes do goberno canario comprobaron de primeira man a organización do CRA, constituído por un total de seis escolas que aglutinan a 89 alumnos. Este modelo de centros rurais agrupados posibilita unha acción educativa coordinada cun plan e unha programación común, dinamiza a comunicación entre aulas, etapas e niveis educativos e facilita as tarefas de coordinación, superando o illamento das escolas unitarias independentes. Así mesmo, favorece a optimización dos recursos materiais e humanos, incrementando a implicación do profesorado en proxectos de innovación e de formación, entre outros.
O conselleiro Román Rodríguez definiu coma “un privilexio e un luxo” este tipo de centros, “un modelo moi bo” que, ademais, no caso de Valga destaca pola “motivación, implicación brutal e gañas” do equipo directivo e docente. Isto permitiu que, en apenas sete anos, se pasara de ter tres escolas en risco de desaparición por falta de alumnado a contar, na actualidade, con case noventa matriculados. A directora do CRA, Antía Piñeiro, solicitou, ademais, aos responsables da Xunta a apertura de novas aulas para poden atender a demanda de prazas para o vindeiro curso.
O éxito do CRA, sinalou a directora, basease na proximidade coa contorna e coas familias, na innovación educativa e a atención á diversidade do alumnado e a ensinanza individualizada. A directora xeral do goberno das Illas Canarias destacou, así mesmo, “a relación que teñen coas administracións, tanto local coma autonómica. Ese traballo en equipo é fundamental”.