- A mostra, formada por dezaoito obras, poderá verse ata finais de febreiro
- A camelia tamén será protagonista na mostra “Bella Otero”, que se inaugura mañá
Valga, 1 de febreiro de 2024.
A camelia é a protagonista durante esta fin de semana no Auditorio Municipal coa XVI Mostra da Camelia “Bella Otero” e tamén coa mostra pictórica de Rosa Crespo, que permanecerá exposta ao público durante todo o mes de febreiro e na que a artista combina dúas das súas devocións: os pinceis e a chamada “flor de Galicia”.
“Camelias e óleos... fusión e paixón” está formada por dezaoito cadros. A camelia, como non podía ser doutro xeito, é tema recorrente nalgúns deles, pero “nesta ocasión elixín obras máis variadas” para completar a exposición. Hai paisaxes coma a ponte de Brandomil, en Zas, unha vista dende o Miradoiro da Muralla de Rianxo ou a praia de Razo. Outras obras son bodegóns e tamén hai tres retratos: dous que Rosa lles regalou ás súas netas durante a pandemia e un terceiro inspirado nun cadro da pintora lucense Julia Minguillón.
A Rosa Crespo a pintura chamouna dende sempre. “Gústame dende que era nena e, pouco a pouco, fun perfeccionando” as súas destrezas, explica. “Son conservadora e restauradora de bens culturais e grazas a isto aprendín novas técnicas pictóricas e de debuxo” que puido aplicar nas súas obras. Ademais, é mestra dun curso de pintura organizado pola asociación Albor. “Paso todo o ano pintando, é a miña maneira de desfrutar”, conclúe.
A mostra de Rosa Crespo é xa unha cita fixa dentro do calendario expositivo do Auditorio, coincidindo coa Mostra da Camelia “Bella Otero”, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais “Albor” coa colaboración do Concello. Serán dous días para gozar coa beleza desta colorida flor e contemplar as composicións e traballos florais elaborados por colectivos, asociacións e particulares de Valga afeccionados á camelia.
A mostra abrirá ao público a partir das 13 horas do sábado, con entrada de balde. Pola tarde, ás 19 horas, entregaranse os recoñecementos aos participantes e, a continuación, haberá unha actuación musical a cargo da Orquestra Clásica Galega de Valga.
O domingo a exposición permanecerá aberta entre as 11:00 e as 21:00 horas. Pola tarde, a partir das sete, tamén se a asemblea anual da asociación Albor para a renovación de socios e incorporación de novos membros. A xornada concluirá cunha chocolatada con churros.