- Un grupo de mulleres portaron durante catro quilómetros as patas de porco sobre as súas cabezas, pasando por sete aldeas
- O Concello decretou festa local e aportou dous lacóns para contribuír á subsistencia deste rito con orixe no século XIX
Valga, 2 de febreiro de 2024.
Os lacóns, as ofrendas coas que no século XIX os veciños de Cordeiro trataban de acadar a intercesión divina para acabar coa peste do gando, saíron esta mañá en procesión pola parroquia, revivindo aquela tradición de antano, coas mulleres encabezando a marcha e portando sobre as súas cabezas as cestas coas patas de porco en dirección á igrexa de Santa Comba.
Elas seguen sendo, na actualidade, as protagonistas deste senlleiro desfile, aínda que de vez en cando se faga necesario botar man dalgún home para os relevos. Detrás delas San Paio, San Antón e San Roque poñen a nota relixiosa nesta cita que, dun tempo a esta parte, transcende o místico e tense convertido nun fito patrimonial e cultural. Nesta edición, o Concello decretou este día da Candeloria como festa local para contribuír a unha maior participación popular e á subsistencia da tradición, aportando, ademais, dous lacóns á procesión. O alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, participaron na celebración.
Os actos arrancaron ás dez da mañá na capela de San Paio de Vilar, onde se celebrou a bendición das candeas. A continuación saíu o desfile, que realizou un percorrido de aproximadamente catro quilómetros co acompañamento da música de gaita e pasando polos lugares de Vilarello, Moldes, As Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro. En cada aldea, unha parada e unha profusa tirada de fogos, mentres os santos repousaban en altares engalanados polos veciños con flores, arbustos ou laranxas.
En Ferreirós, como é habitual, os romeiros repuxeron folgos cuns doces e uns grolos de viño doce, un pequeno aperitivo antes da última parada en Beiro, xa nas inmediacións da igrexa parroquial. Á chegada ao templo, a comitiva deu unha volta completa ao edificio antes de que os tres santos e as ofrendas accederan ao interior. Tralos oficios relixiosos, chegou a hora da poxa dos lacóns no adro, outra das actividades máis típicas desta xornada.