- Realizaron unha visita virtual e outra de campo ás instalacións nas que trata parte do lixo xerado en Valga
- A xornada serviu para coñecer o tratamento que reciben os residuos e resolver dúbidas
Valga, 29 de xaneiro de 2024.
Unha delegación do Concello formada polos edís Carmen Gómez e Pedro Calvo e polos técnicos municipais Silvia Torres, mestra composteira, e Santiago Chenlo participaron o pasado venres nunha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama, no que se tratan parte dos residuos xerados en Valga.
Realizaron, primeiro, unha visita virtual, un sistema que permite achegarse a todos os recunchos das instalacións, incluídos aqueles que son inaccesibles a pé: a planta de clasificación de envases, a de elaboración de combustible, a de coxeneración ou a termoeléctrica, onde se produce electricidade a partir da fracción non reciclable. Despois completaron a xornada cunha visita de campo guiada por técnicos da Sociedade, que lles explicaron cal é o tratamento que reciben os residuos.
A visita foi aproveitada polos técnicos e responsables municipais para resolver algunhas dúbidas e poñer en común algunhas das problemáticas ás que se enfronta os concellos á hora de informar e concienciar aos cidadáns sobre a importancia da correcta separación de residuos.