- Os aprendices completaron un módulo no que se analizaron os principais problemas que amezan o medio ambiente
- Tamén participaron en visitas ao Punto Limpo e a un composteiro
Valga, 26 de xaneiro de 2024.
O Obradoiro de Emprego Xóvenes II impartiu nos últimos días un módulo de Sensibilización Ambiental ao que asistiron os dezaseis alumnos que participan neste proxecto formativo, compartido polos concellos de Valga e Moraña e que está confinanciado pola Unión Europea mediante o programa FSE+Galicia 2021-2027.
O módulo, de nove horas de duración, foi impartido polo experto docente de forestais, José Manuel Picallo. Introduciuse ao alumnado no coñecemento dos principais problemas ambientais actuais –a contaminación, o cambio climático, a desertización...– e a súa relación coas dúas especialidades que se imparten no Obradoiro: albanelería e forestais. O obxectivo é fomentar as boas prácticas ambientais, tanto a nivel xeral coma no ámbito laboral, e concienciar aos aprendices sobre a importancia da acción individual para minimizar os impactos negativos sobre o medio ambiente e avanzar cara un desenvolvemento sostible.
Para reforzar esta aprendizaxe, a mestra composteira do Concello, Silvia Torres, participou nunha xornada co alumnado na que fixo fincapé na importancia da correcta separación de residuos para favorecer a súa reciclaxe. Realizaron unha visita ao Punto Limpo e tamén ao composteiro comunitario da Avenida da Coruña, onde lles explicou en que consiste e como se realiza a compostaxe, que permite converter os restos orgánicos en abono.
Sobre esta cuestión cabe sinalar que todos os restos das podas que se realizan nas prácticas da especialidade de forestais son triturados para despois utilizalos no proceso de compostaxe.