- San Roque e San Antón acompañaron hoxe a San Paio nun percorrido de case catro quilómetros entre a igrexa de Cordeiro e a capela de Vilar
- O Concello aportará dúas patas de porco á procesión da Candeloria para contribuír ao mantemento desta tradición
Valga, 25 de xaneiro de 2024.
San Roque e San Antón xa están en Vilar, a onde se trasladaron hoxe en procesión para acompañar a San Paio na súa capela ata o vindeiro 2 de febreiro, día da Candeloria, cando os tres regresarán á igrexa parroquial de Cordeiro na popular Procesión dos Lacóns.
Esta mañá, como manda a tradición, San Paio achegouse ata a igrexa de Cordeiro para recoller aos outros dous santos e conducilos ata a súa aldea. Foron levados a pé por un grupo de veciños da parroquia, realizando o percorrido inverso ao da Procesión dos Lacóns. Case catro quilómetros en total pasando polos lugares de Beiro, Ferreirós, Outeiro, As Eiras, Moldes e Vilarello.
Esta camiñada, a diferencia da do día da Candeloria, non fai paradas, tan só unha breve nas Eiras, na “casa de Furelos”, para repoñer algo de forzas e continuar a ruta, que contou co acompañamento musical do grupo de gaiteiros Os Bubelas, de Rois, e ía encabezada por un fogueteiro que marcaba o paso polas diferentes aldeas co lanzamento dunha bomba.
En cada lugar, algúns veciños ían sumándose á comitiva, cada vez un pouco máis numerosa. En Vilarello, como é habitual, os nenos da escola unitaria saíron a ver o paso da procesión e a gozar coa música tradicional. E, xa no límite con Vilar, uníronse aos camiñantes os usuarios do CODI, que completaron o traxecto ata a capela
Antano, lembran os veciños, a festa da San Paio dábaa unha parella que acababa de casar, para bendicir o matrimonio. Pero esta tradición foise perdendo co tempo e, este ano, foron Divina López, o seu fillo José Manuel, e o seu xenro, Necesio Gallego, os que organizaron os actos, que remataron cunha misa solemne ás 12:30.
Esta xornada marca o inicio da conta atrás para a Procesión dos Lacóns, unha das tradicións culturais e relixiosas máis antigas e sobranceiras de cantas se celebran en Valga. Mañá e entre o luns e o xoves da próxima semana celebrarase a novena na capela de San Paio, con misas ás 16:30 horas.
O venres, 2 de febreiro, será o día grande, coa festividade da Candeloria. Ás 10:00 horas terá lugar en Vilar a bendición das candeas e, a continuación, sairá a procesión, cos veciños –tradicionalmente mulleres– portando sobre as súas cabezas cestas con lacóns. O Concello, que decretou a xornada coma festivo local, aportará este ano dúas patas de porco para contribuír ao mantemento do patrimonio local.
Esta tradición remóntase ao século XIX, cando un andazo de peste causou unha grande mortaldade entre o gando e os veciños comezaron a realizar ofrendas aos santos –un deles San Antón, patrón dos animais– en busca da súa intercesión.