Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Concello pasaría de percibir os 9.267 euros actuais a máis de 185.000

- “É totalmente inxusto que unha empresa cuns beneficios tan importantes non pague impostos coma todo o mundo”, sinala Bello Maneiro

ReuniónAutopista2

Valga, 24 de xaneiro de 2024.

Valga estivo onte representada na reunión de concellos polos que discorre a autopista AP-9 co obxectivo de solicitar a Audasa o pago do 100% do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Ata o de agora os concellos tan só percibían o 5%, posto que a empresa concesionaria da vía de alta capacidade contaba cunha exención do 95%.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, asistiron á xuntanza, que se celebrou en Abegondo (A Coruña), que contou tamén coa participación de representantes dun despacho de avogados. Este quipo xurídico informou sobre a viabilidade de que os concellos reclamen o 100% do IBI, posto que a cláusula que establecía a bonificación do 95% en favor de Audasa caducou en agosto do pasado ano 2023.

Este cobro suporía uns ingresos importantes para as entidades locais, no caso de Valga pasando de percibir 9.267 euros a 185.345. “É totalmente inxusto que esta empresa, cuns beneficios tan elevados, non estea a pagar o 100% dos impostos, coma todo o mundo. O Concello de Valga vai reclamar a partir de agora a totalidade do IBI, xa que a repercusión nas arcas municipais será moi importante”, indica o alcalde.

ReuniónAutopista1

Volver