Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os docentes están a participar nun curso de Posgrao da Universidade de Santiago sobre Educación Socioemocional

- A fórmula aplicada polo CRA, conectada á contorna social, evitou o peche dalgunhas escolas, que este curso suman case 90 alumnos

CRAChile1

Valga, 23 de xaneiro 2024.

O CRA de Valga, exemplo de innovación educativa en toda Galicia, traspasa tamén fronteiras e convértese agora foco de interese a nivel internacional. Un grupo de 38 profesores procedentes de Chile, que están a participar nun curso de Posgrao da Universidade de Santiago centrado na Educación Socioemocional, visitaron esta mañá as escolas valguesas como parte da súa formación.

A expedición, encabezada polo mestre Agustín Dosil, está a coñecer diferentes experiencias en centros educativos galegos, entre elas a fórmula empregada polo CRA e que está a supoñer un pulo para a escola rural de Valga. “Se non se implantara este método, estas escolas seguramente xa non existirían”, sinala Agustín Dosil. Engade, coma outro factor positivo, que “se ten moi en conta o contexto: o lugar no que se vive, as familias e outros factores propios do da contorna rural. Hai unha maior personalización da educación, máis proximidade persoal e social e iso é bo”.

Neste sentido, continúa Dosil, a estratexia do CRA encaixa co concepto de Educación Socioemocional. “Tradicionalmente a Educación orientouse ao desenvolvemento da Intelixencia, pero tense comprobado que isto non é garantía de éxito, senón que inflúen outros moitos factores, dende a empatía ou a comunicación ata a autoestima”.

Os mestres chilenos percorreron as seis escolas de Chenlo, Xanza, Campaña, Forno, Ferreirós e Vilarello guiados pola directora, Antía Piñeiro, que lles explicou os fundamentos sobre os que o CRA, que neste curso conta con oitenta e nove alumnos, basea o seu éxito. É un modelo orientado a proxectos e ambientes de aprendizaxe, atención á diversidade, ensino personalizado e individualizado e apertura á contorna e aos espazos naturais. Con el conseguiuse que algunhas escolas, coma a de Vilarello, pasaran de estar en risco de desaparición a contar cunha vintena de alumnos.

CRAChile2 CRAChile3

Volver