- O Tribunal desbota os argumentos do Consello de Contas de Galicia e desacredita, por segunda vez, o informe deste órgano
- “Esiximos unha rectificación por parte do Consello de Contas que limpe a imaxe do Concello e dos traballadores municipais”, di o alcalde
Valga, 20 de xaneiro de 2024.
O Tribunal de Cuentas vén de notificar un novo auto no que avala a actuación do Concello de Valga en canto á percepción de dietas por parte do secretario e do interventor municipais e bota por terra o Informe de fiscalización horizontal sobre percepcións económicas, presentado en xaneiro de 2023 polo Consello de Contas de Galicia e no que advertía supostas irregularidades.
É a segunda vez que este Tribunal, o órgano fiscalizador supremo das contas e da xestión económica do sector público dependente das Cortes Xerais do Estado, desacredita as conclusións do Consello de Contas. A primeira, en marzo de 2023, cando ditou un auto no que indicaba que “non hai lugar á incoación do proceso xudicial contable por resultar de modo manifesto e inequívoco a inexistencia de suposto algún de responsabilidade contable, procedendo, coa presente resolución, ao arquivo de todo o actuado”. Engadía aquela resolución que “os pagos en concepto de dietas abonados ao secretario e ao interventor teñen cobertura legal e non supuxeron vulneración algunha da normativa orzamentaria aplicable”.
O Fiscal que actuou neste procedemento fixo constar no seu informe que “os pagos denunciados coma indebidos estaban legalmente autorizados” e que “as presuntas irregularidades quedaron suficientemente xustificadas, polo que non se aprecian indicios de responsabilidade”.
Pero aínda así, o Consello de Contas decidiu desoír este pronunciamento e as conclusións do Tribunal de Cuentas cando presentou as conclusións do seu informe, que deron pé a inicio dun novo procedemento que acaba de resolverse con idéntico resultado: “Cabe concluír que os gastos cuestionados; isto é, as dietas por desprazamentos dos funcionarios con habilitación nacional, contan con cobertura legal, como xa se resolveu no auto de 3 de marzo de 2023”, polo que decreta o arquivo das dilixencias “ao non existir suposto algún de responsabilidade contable”
En canto ao informe do Consello de Contas, di que non aporta “novos elementos que difiran dos xa coñecidos” nin “variaron os feitos nin os fundamentos considerados” no anterior auto. Ademais, engade o Tribunal de Cuentas, “non consta nas actuacións o prexuízo” que os gastos cuestionados puideran ter ocasionado aos fondos da Corporación local, algo relevante xa que para que haxa responsabilidade contable “é necesario que exista un prexuízo nos caudais ou efectos públicos”.
En vista desta nova resolución, o equipo de goberno considera que “non queda ningunha dúbida” de que as actuacións do Concello respectaron sempre a legalidade, como así o teñen refrendado xa diferentes organismos. “Agora é o Tribunal de Cuentas o que volve a deixalo claro, pero antes xa se pronunciaron tamén tribunais do contencioso administrativo e sempre a favor do Concello”, destaca o alcalde, José María Bello Maneiro.
O rexedor esixe unha rectificación ao Consello de Contas que limpe a imaxe do Concello e dos traballadores municipais. “Tralo primeiro auto do Tribunal de Cuentas xa solicitamos ao Consello de Contas que rectificara o seu informe, á vista de que un organismo superior ditaminara o contrario, pero fixeron caso omiso. Esperemos que agora, despois deste novo auto, si rectifiquen e o fagan coa mesma publicidade que lle deron ao informe, enviándoo a todos os medios”.
Bello Maneiro lembra que o Consello de Contas aínda ten sen resolver a solicitude presentada no seu día polo Concello na que reclamaba a apertura dunha investigación interna para coñecer quen foi o responsable da filtración das conclusións do informe antes de que este se fixera público. “Tamén queremos saber o resultado desta investigación”, insiste o primeiro edil.