- Executaron podas no Parque Dios Mosquera e na Praza Manuel Vicente Cousiño
- Na Casa da Cultura cortaron dúas árbores que poñían en risco a cuberta do edificio
Valga, 11 de xaneiro de 2024.
Os alumnos do módulo de forestais do Obradoiro de Emprego Xóvenes II, que os concellos de Valga e Moraña puxeron en marcha en outubro do pasado ano cunha subvención da Xunta de Galicia, están a realizar traballos en diferentes espazos arborados e zonas verdes do municipio. As tarefas céntranse, principalmente, na poda de árbores e outras especies vexetais.
Parte das actuacións estanse a desenvolver no Parque Irmáns Dios Mosquera, onde se realizaron podas altas para favorecer que as árbores dean sombra pero sen interferir no paseo dos usuarios, de xeito que estes poidan gozar do entorno paisaxístico e natural sen atopar obstáculos. Tamén se abriu a masa dalgúns exemplares para permitir o paso do aire e evitar pragas e procederon á corta de ramas que invadían terreos lindeiros.
Na contorna da Casa da Cultura os aprendices deron forma ás sebes de buxo, igualando a súa altura a 1’5 metros. Ademais, procederon a cortar dúas árbores moi próximas ao edificio e que o poñían en risco, especialmente a cuberta. Tratábase dun abeto que desprendía as follas e acículas sobre os canalóns e o tellado e dun ciprés cuxo porte ameazaba tamén a cuberta.
Os traballos de acondicionamento tamén afectaron á Praza do Concello, situada fronte ao Museo da Historia, onde o alumnado de forestais realizou traballos para intentar recuperar árbores danadas por fungos e podas anteriores mal realizadas que lles provocaron enfermidades. “Algúns están brotando de novo e imos tratar de que collan forza e se recuperen”, explica o docente da especialidade, José Manuel Picallo.
Por último, os aprendices están actuando na Praza Manuel Vicente Cousiño, realizando podas ornamentais nos camelios.
O Obradoiro "Xóvenes II" é cofinanciado pola Unión Europea mediante o programa FSE+Galicia 2021-2027.