Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Axentes sociais, culturais e empresariais do municipio van da man na reivindicación que favorecería a mobilidade sostible

- A campaña segue en marcha e as follas de firmas poden atoparse tanto no Concello coma no Auditorio

TrenVilarello

Valga, 10 de xaneiro de 2024.

O Concello de Valga ten enviado ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) un total de 1625 sinaturas apoiando a creación dun apeadoiro de tren que favoreza a mobilidade no municipio, que é atravesado pola liña ferroviaria sen que isto supoñan ningún beneficio para a localidade e para os valgueses, que se ven obrigados a desprazarse a outras vilas se queren empregar o tren.

O goberno municipal traballa dende hai tempo en coordinación con diferentes axentes sociais, culturais e empresariais de Valga, implicados activamente nesta reivindicación e que nos últimos meses teñen participado en varias xuntanzas de traballo co obxectivo de impulsar a creación dunha rede de cercanías ferroviaria con parada no concello.

As sinaturas enviadas ao ADIF, entidade dependente do Ministerio de Transportes e encargada da xestión das infraestruturas ferroviarias, foron recollidas entre a poboación valguesa, estudantes e traballadores das principais empresas. Estes serían uns dos grandes beneficiados pola existencia dun apeadoiro en Valga, dada a proximidade da vía coa área industrial de Campaña: preto de tres mil empregados que actualmente se ven obrigados a desprazarse nos seus vehículos particulares, cando poderían ter no tren unha alternativa de transporte máis cómoda, barata, segura, eficaz e sostible.

Tamén se verían favorecidos os estudantes matriculados nos centros educativos valgueses, veciños que precisan desprazarse a outras localidades e cidades por motivos laborais ou académicos e a poboación en xeral, que hoxe en día depende dos vehículos privados para acceder a servizos básicos coma, por exemplo, hospitais.

En definitiva, o demandado apeadoiro melloraría as posibilidades de desprazamento da poboación e incentivaría o uso do transporte público colectivo, favorecendo así a transición cara unha mobilidade máis segura e sostible.

A campaña de recollida de firmas continúa en marcha e todas aquelas persoas que queiran participar teñen á súa disposición as follas tanto no Concello coma no Auditorio Municipal.

Volver