- A mostra foi inaugurada polo alcalde e a concelleira Begoña Piñeiro
- A centenaria, veciña de Casal de Eirigo, é a segunda muller máis lonxeva de Valga
Valga, 8 de xaneiro de 2024.
O Auditorio Municipal comeza o ano 2024 cunha exposición protagonizada por unha das veciñas centenarias de Valga: Manuela Duro Fernández, que no pasado mes de setembro cumpriu 100 anos e se converteu na segunda valguesa máis lonxeva.
A mostra “As mans centenarias de Manuela”, que se inaugurou onte, recolle unha serie de traballos artísticos e labores realizadas por Manuela, veciña de Casal de Eirigo, durante o último século: obras pictóricas e cadros feitos con materiais coma area, teas ou metais, tellas pintadas, botellas decoradas e outros traballos en cristal, pintura sobre tea, punto de cruz ou gancho.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro, asistiron ao acto inaugural, que contou coa presenza da propia Manuela e de familiares a achegados, orgullosos da actividade artística que a centenaria realizou ao longo da súa vida.
“Sempre foi unha persoa moi traballadora. Gustábanlle os labores coma o gancho e a costura e sempre nos facía moitas cousas cando eramos pequenas”, lembra a súa neta Sonia. “Despois unha das súas fillas levouna durante tres ou catro anos a clases de manualidades” e, entón, foi cado a súa faceta artística dou un chimpo pasando a realizar cadros e traballos máis elaborados. “Non o conservamos todo porque moitos foillos regalando a familiares e achegados”, engade a neta.
A exposición pode verse no Auditorio durante todo o mes de xaneiro.